Nota de prensa
NOTA DE PRENSA DO BNG DE BARREIROS
O BNG DE BARREIROS PRESENTARÁ NO PRÓXIMO PLENO PROPOSTAS PARA DIVERSIFICAR A OFERTA TURÍSTICA DO CONCELLO.
Os nacionalistas propoñen promocionar os “baños de setembro” desde o concello.
Barreiros, 9 de setembro de 2011. O BNG de Barreiros presentará no próximo pleno unha moción a través da que pretende que se leven a cabo novas iniciativas no eido turístico que atraian visitantes ao concello, contribuindo así a dinamizar a economía local, especialmente a relacionada coa hostelería e o turismo e que este verán non tivo precisamente os seus mellores resultados.
Unha das propostas dos nacionalistas está relacionada cos chamados “baños de setembro”, que foron habituais durante unha gran parte do século XX en Barreiros. O que se pretende é que por parte do concello, desde a concellalía de turismo, se lle dea forma e continuidade a esta actividade de ocio, poñéndolle un nome específico e dándolle a correspondente cobertura a nivel de infraestructuras (socorristas, guías, difusión mediática….). Esta actividade desenvolveríase na primeira quincena de setembro, e incluso ao longo de todo o mes, recuperando aqueles tradicionais nove baños que protagonizaban moita xente do campo e das comarcas do interior, unha vez rematadas as faenas agrícolas estivais.
A iniciativa nacionalista, tomando como punto de partida esta costume de principios e mediados do século XX, ” ten como obxectivo, ademais de potenciar unha actividade saudábel, pois estes baños tamén son coñecidos como “baños de iodo”, contribuir á dinamización da economía hosteleira local nunha época en que o número de visitantes decae e por iso proponse que desde o concello se coordine esta actividade coas casas de turismo rural, campings, hoteis, hostais, restaurantes e demais establecementos hosteleiros do concello co fin de ofertar esta actividade por todas as canles precisas.”
Según os nacionalistas,” este sería un complemento á actividade turística da que Barreiros é protagonista nos meses de xullo e agosto e contribuiría a atraer tamén a outro tipo de turista que busca mais tranquilidade e disfrutar pausadamente da nosa paisaxe, da nosa cultura e da nosa gastronomía. E aí estaría o papel do concello, axudando aos hosteleiros locais que quixeran participar no proxecto a conseguir visitantes nesta época do ano.”
“Tendo as mellores praia e os mellores recursos naturais, o concello non pode deixar pasar esta oportunidade, manifestan os nacionalistas barreirenses, máxime cando xa houbo algún hosteleiro local que moi acertadamente puxo en práctica esta iniciativa.”
Na súa iniciativa, o BNG propónlle ao concello que na oferta turística dos baños de setembro recolla un circuito de baños ao longo de todas as praias (Anguieira, Altar, San Bartolo, Coto, Fontela-Balea, Lóngara, A Pasada e Arealonga).