Nota de prensa
EN BURELA PROCÉDESE ESTES DÍAS AO PINTADO DA SINALIZACIÓN HORIZONTAL EN VARIAS RÚAS DESPOIS DE FACER ESCARIFICADO E ASFALTADO EN QUENTE DAS ZONAS EN MAL ESTADO. O CONCELLO TENTARÁ APROVEITAR MELLOR AS PRAZAS DE APARCAMENTO E DEMOLERÁ UNHA CASA EN PASCUAL VEIGA.
Burela, 7 de setembro de 2011. En Burela estes días procédese ao pintado da sinalización horizontal en moitas rúas, de aí que o alcalde en funcións e concelleiro de Obras, Manuel Fernández Valle, pida disculpas aos veciños polas molestias que se poidan ocasionar. Os traballos que se realizan son o escarificado e asfaltado en quente das zonas en mal estado e o pintado da sinalización horizontal. O Concello tentará aproveitar mellor as prazas de aparcamento e demolerá unha casa en Pascual Veiga.
Fernández Valle sinalou que “o que estamos facendo é pintar e mellorar a sinalización en varias rúas de Burela para aproveitar mellor as prazas de aparcamento. Serán moitas delas en batería e marcha atrás co obxectivo de mellorar a seguridade da circulación, así evitaránse pequenos accidentes que se producen por falla de visibilidade”. O rexedor en funcións explicou tamén que “imos colocar as prazas para minusválidos preto dos pasos de cebra para que estas persoas dispoñan de máis espacio para entrar e saír dos seus vehículos”.
As rúas afectadas polo pintado da sinalización horizontal ao longo desta semana e da vindeira son: Castelao, Pardo Bazán, Rosalía de Castro, Nosa Señora do Carme, Curros Enríquez, Lamestra, Beiramar, Pedra, Cova Moura e Concepción Arenal. O edil popular pide disculpas aos veciños de Burela “polas molestias que lles poidamos ocasionar ao longo destas semanas tanto para circular pola vila como para aparcar a algunhas horas do día”.
Para mellorar o tráfico rodado o Concello procederá tamén a demoler unha casa na rúa Pascual Veiga, “no seu día compróuse e agora ímola tirar para que a circulación por esa vía sexa máis fluida”.
Corte de auga
Mañá a rúa do Campón sufrirá un corte no subministro de auga entre as 9 e as 10 horas para a realización de diversas tarefas de mantemento na rede. Desde o Concello piden tamén disculpas aos veciños desta zona, que estarán sen auga durante unha hora na xornada de mañá, 8 de setembro.