Nota de prensa
A PUNTO DE CONCLUÍR A PRIMEIRA FASE DOS TRABALLOS DE SOTERRAMENTO DA LIÑA ELÉCTRICA ENTRE BURELA E SAN CIPRIÁN
Así o deu a coñecer hoxe o alcalde, Alfonso Villares, no transcurso dunha visita ás obras que se están desenvolvendo no núcleo de Cervo
Esta primeira fase supera o millón de euros de inversión
Cervo, 6 de setembro de 2011.- O alcalde de Cervo, o popular Alfonso Villares, confirmou hoxe a pronta finalización da primeira fase dos traballos de soterramento da liña de media tensión entre a subestación de Burela e o núcleo de San Ciprián.
Segundo indicou o rexedor, esta primeira fase comprende a canalización baixo terra da liña de subministro eléctrico entre Burela e o núcleo cervense de Espiñerido. Para elo, a empresa adxudicataria realizou un total de catro quilómetros de canalizacións ao longo de diversas vias e estradas municipais e despregou un total de 5 quilómetros de cables.
Villares tamén dixo que o investimento destes traballos supera o millón de euros e conta co financiamento da Xunta de Galicia. O rexedor agradeceu a boa disposición do Goberno autonómico e da empresa eléctrica concesionaria do subministro á hora de recoller as reivindicacións municipais sobre este proxecto. “Desde o primeiro momento estivemos moi susceptibles para intentar convencer á Xunta e á empresa eléctrica para que a liña viñera soterrada en todo o seu traxecto e afortunadamente tivemos unha boa acollida ás nosas peticións, porque deste xeito conseguiremos avantaxes importantes como é que non se hipoteque o solo para un crecemento urbanístico dos nosos núcleos rurais; minimízase o impacto visual e medioambiental, e reduciremos as posibles avarías e cortes de subministro que se poidan derivar das inclemencias climatolóxicas” indicou o alcalde.
Unha vez conseguidos estes obxectivos, o Goberno local atópase pois satisfeito coas realizacións destas obras, ao tempo que piden desculpas aos veciños por onde están a transcorrer estes traballos, “pero pensamos que saben comprender as posibles molestias que se lles teña causado, porque estamos seguros que son coñecedores dos seus beneficios para o conxunto dos cervenses” recalcou o mandatario local