Nota de prensa
UNHA PASARELA SEPARARÁ A MARINA SECA DOS PANTALÁNS UBICADOS NESA ZONA DO PORTO DEPORTIVO, SEGUNDO ANUNCIABA HOXE MARIO COTO. OS TRABALLOS SUPORÁN UN INVESTIMENTO DE 40.000 EUROS.
Ribadeo, 1 de setembro de 2011. Unha pasarela separará a marina seca dos pantaláns ubicados nesa zona do porto deportivo, segundo anunciaba hoxe o presidente do Club Náutico de Ribadeo. Os traballos de instalación que deron comezo estes días rematarán no prazo dun mes. O investimento nesta obra ascenderá a 40.000 euros.
Mario Coto relatou que “estamos colocando unha pasarela que permitirá que se independice a marina seca do acceso aos pantaláns que hai naquela zona do porto deportivo. Ata o de agora os socios do CNR pasaban, por decilo dalgún xeito, polo medio dos barcos que están alí limpiándose, pintándose ou lavándose cos riscos que eso pode supoñer. Temos que velar pola seguridade e conseguimos independizar esa zona”. O presidente do CNR asegurou que “a inversión rondará os 40.000 euros, porque hai que poñer a pasarela de madeira e hai que facer un peche perimetral para que a xente non acceda a dentro da marina seca”.
Coto lembrou que “a directiva que eu presido desde o primeiro día que chegamos ao Club Náutico de Ribadeo tivo que empezar a traballar duramente porque había cousas que estaban moi atrasadas para cumprir con normativas tanto de medio ambiente como de seguridade. Había que poñerse a eso e agora estamos como estamos”.
Cursos de vela
O presidente do Club Náutico de Ribadeo amosóuse moi satisfeito da acollida que tiveron os cursos de vela de verán que se desenvolveron durante os meses de xullo e agosto para os máis novos. 212 alumnos acudiron a optimist, raquero, vaurien, crucero, windsurf e bote de vela e 102 nenos con idades comprendidas entre os 3 e os 8 anos participaron nos xardíns do mar.
Ademáis a totalidade dos aspirantes que acudiron ao curso de obtención do “titulín” que tivo lugar a finais do pasado mes de agosto aprobaron. Foron 31 as persoas que recibiron a formación correspondente e que despois superaron as probas para conseguilo.