Nota de prensa
O Goberno municipal reforzou o cadro de persoal deste servizo municipal de carácter gratuíto cun novo profesor que se sumará aos 4 xa existentes
VINTE NENOS INICIAN HOXE O NOVO CURSO ESCOLAR NO PUNTO DE ATENCIÓN Á INFANCIA DE SAN CIPRIÁN
Cervo, 1 de setembro de 2011.- Un total de vinte nenos e nenas menores de tres anos inscritos no Punto de Atención á Primeira Infancia (PAI) son os beneficiarios que inician hoxe unha nova temporada deste servizo público e gratuíto posto en marcha polo Goberno municipal do Partido Popular de Cervo no ano 2002.
Novidades que mellorarán o servizo
Con respecto ao ano anterior este ano o PAI presenta como novidade máis significativa a incorporación dun profesor máis. A plantilla destinada polo Concello para dar este servizo de xeito gratuíto será de cinco profesionais en Educación Infantil e Pedagoxía, que serán os encargados de desempeñar as devanditas labores formativas e de coidado dos nenos.
O horario seu horario de funcionamento será de 8 da mañá a 8 da tarde de xeito ininterrompido, co fin de facilitar axudar a compatibilizar a vida familiar e laboral dos pais. Ao igual que aconteceu o ano pasado por primeira vez, este ano tamén se lles brindará aos pais a posibilidade de que os coidadores e profesores lles dean o almorzo ou a merenda aos seus fillos. Para iso deberán traer a comida dos seus respectivos domicilios.
O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, lembrou que a apertura do Punto de Atención á Infancia (PAI) no ano 2002 constituíu unha aposta firme do Goberno municipal do Partido Popular pola creación dun recurso destinado a nenos e nenas que necesitan atención e coidado durante un tempo diario e que non poden incorporarse a un centro de educación infantil. “A través deste servizo -o único da comarca destas características que é gratuíto- o Concello de Cervo contribúe ao desenvolvemento integral dos nenos e nenas e facilita a difícil tarefa de conciliar a vida laboral e familiar” recalcou o rexedor.
Séguese agardando por unha resposta da Seguridade Social
Segundo confirmou o alcalde, o PAI manterá as súas instalacións orixinarias da urbanización Atalaia de San Ciprián (nas que se leva prestando este servizo dende hai 10 anos) mentres continúan agardando a que a Tesourería Xeral da Seguridade Social lles conteste ás reiteradas peticións formuladas dende dende hai máis dous anos polo Concello para trasladar este servizo aos baixos baleiros do edificio da Casa do Mar. “Esperemos que esta situación cambie a finais de ano, pero mentres isto non sucede, seguiremos utilizando os locais da Atalaia” indicou o rexedor.