Nota de prensa
Foron recibidos esta mañá no salón de plenos municipal polo alcalde, Alfonso Villares
64 MOZOS RUSOS E POLACOS DO XMX ACOLLIDOS POLO CONCELLO E POR FAMILIAS CHEGAN A CERVO
*
O Concello cede as instalacións das Escolas Vellas de San Román para a estadía dunha parte deste grupo de peregrinos
Cervo, 12 de agosto de 2011.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, acompañado polo seu equipo de Goberno, recibiu esta mañá no Concello ao grupo de 64 mozos e mozas peregrinos procedentes de Polonia e Rusia acollidos por familias do municipio e polo Concello nas instalacións das antigas Escolas de San Román hasta o 15 de agosto, cando partirán cara Madrid para participar na Xornada Mundial da Xuventude (XMX) convocada polo Papa Bieito XVI.
Alfonso Villares desexoulles unha feliz estancia no concello e fíxolles unha breve descrición do termo municipal, dos seus atractivos turísticos e das súas principais fontes de riqueza. Así mesmo, fixo fincapé na importancia destes encontros entre mozos de distintas nacionalidades “polo seu carácter enriquezedor e de afondamento do coñecemento mutuo”. Os rapaces e rapazas viron un breve vídeo promocional do concello e foron agasallados cunha copia deste vídeo en formato dixital. O acto pechouse coa interpretación de cancións polos rapaces e coas preceptivas fotos de grupo.
Destes 64 mozos, 48 proceden de Polonia e están sendo acollidos por familias da Unidade Pastoral de Cervo; mentres que os 16 restantes son de diversas provincias rusas e están a pernoctar nas Escolas Vellas de San Román grazas á colaboración prestada polo Concello de Cervo. A expedición chegou onte pola tarde e a súa estadía en Cervo rematará o vindeiro luns, 15 de agosto.