Nota de prensa
O EIDO DOURADO PROMOVE UN CONCERTO DE JAZZ EXPERIMENTAL QUE TERÁ LUGAR O VENRES, 12 DE AGOSTO, ÁS ONCE DA NOITE NO CÁMPING GAIVOTA EN BENQUERENCIA.
Barreiros, 10 de agosto de 2011. O Eido Dourado promove un concerto de jazz experimental que terá lugar o venres, 12 de agosto, ás 23 horas no cámping Gaivota en Benquerencia. O ciclo musical iniciado hai semanas polo Eido Dourado cambia de ubicación por cuestións de espazo.
O artista barreirense Celso Dourado explica que “o Eido Dourado promove un concerto de jazz experimental este venres a partires das once da noite. É un concerto no que eu persoalmente levo traballando bastantes semanas e ao final logramos que se poida facer. Este concerto de jazz experimental non se vai desenrolar nos xardíns do Eido Dourado por razóns de espazo. Ímolo trasladar ás terrazas do camping Gaivota, coincidindo coas queimadas que facemos todos os venres. Aproveitamos para invitar aos amantes da boa música para que se acheguen a disfrutar desta nova cita musical”.
Dourado dixo que “neste concerto van participar Xandra Pinheiro, que é unha acordeonista de orixen portugués cunha traxectoria bastante longa; Pablo Sax, que é un saxofonista galego que forma parte de distintos grupos de jazz; L.A.R. Lejido, que é un grande músico de Valladolid, que é batería, instrumento que combina con todo tipo de obxetos sonoros, desde campás, cuberterías de cociña ou xoguetes, algo que resulta espectacular; e o compositor e pianista de orixen cubano Alejandro Vargas, que forma parte de diferentes grupos, soe acompañar a Guadi Galego e é coñecido tamén porque moitas das súas pezas son tocadas co piano tapado por unha manta, nun proceso realmente espectacular”.
O creador do Eido Dourado engadiu que “a previsión deste concerto era para os xardíns do Eido Dourado, pero pensamos que debido ás infraestructuras que teñen estes músicos era mellor trasladalo ás terrazas do camping Gaivota, porque é un tipo de música para escoitar e ver con comodidade, preferiblemente sentado”. E subliñou que “foi un traballo longo e realmente costounos, porque sobre todo Alejandro Vargas e L.A.R. Lejido teñen unha axenda moi apretada. Pero por fin van vir á Mariña, e en concreto ao camping Gaivota, e van ofertarnos un concerto coido que espectacular, espero que o tempo nos axude, pode ser moi fermoso”.
O acto é gratuito e aberto e “aquelas persoas amantes do jazz non dubiden en achegarse porque penso que vai merecer a pena e vai ser un fito na Mariña de Lugo bastante importante pola calidade dos músicos que van intervir”.