Nota de prensa
A Deputación inicia a construción das 13 naves e 370 casetas do 1º Centro de Recría público en España
– A institución comezou este martes o movemento de terras das 7 hectáreas que ocupará o Centro, preparando a cimentación destas instalacións que acollerán 3.000 novillas
– A continuación, realizarase a instalación do saneamento, abastecemento de auga e servizo eléctrico, ademais do traslado do invernadoiro no que os estudantes realizarán prácticas
– Concluídos estes traballos, enmarcados na 1º fase deste proxecto iniciada en maio e cun prazo de execución de 9 meses, arrancarán os trámites da segunda adxudicación
– A Deputación inviste 12 millóns de euros no Centro, licitados en dúas fases logo de que a Xunta bloquease estas actuacións durante máis dun ano e non concedese nin un só euro
A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, e o Deputado de Economía Rural e do Mar, José Fernández, supervisaron este martes as novas actuacións que o organismo provincial está a levar a cabo na Granxa Gayoso Castro dentro da primeira fase do proxecto de construción do Centro de Recría, dotada de 6 millóns de euros e financiada ó 100% pola institución. Unha vez rematado o valado e desbroce da finca, o acondicionamento dos edificios existentes, así como o traslado dos animais a outros cobertizos e cornadizas, todos eles traballos que arrancaban en maio, a institución iniciou hoxe mesmo o proceso de construción das 13 naves que acollerán 3.000 novillas e as das 370 casetas de recría.
Lara Méndez subliñou que “malia que a Xunta tardou máis de un ano en concedernos a declaración de impacto ambiental (DIA), é dicir, o documento imprescindible para poñer en marcha esta iniciativa, ó tempo que foi incapaz de conceder un só euro para desenvolver o proxecto gandeiro máis revolucionario nas últimas décadas en Galicia, damos un paso máis para que en Lugo se sitúe o 1º Centro de Recría Público en España, para triplicar a capacidade dos 14 centros existentes na Comunidade ata o momento e, o que é máis importante, para que os nosos gandeiros aforren miles de custes ó non ter que recriar as súas novillas fóra de Galicia”.
A maquinaria pesada xa esta a levar a cabo o movemento de terras das 7 hectáreas que ocupará o Centro -equivalentes a 5 campo de fútbol- preparando, deste xeito, a cimentación de ditas naves e casetas. A continuación, realizarase a instalación do saneamento, o abastecemento de auga e o servizo eléctrico para, posteriormente, trasladar o invernadoiro no que os alumnos das titulacións relacionadas coa Horticultura e Xardiñeiría do Instituto de Castro de Rei realizan prácticas.
Concluídos os traballos desta primeira fase, iniciada no mes de maio e para á que se estableceu un prazo de execución de 9 meses, arrancarán os tramites da segunda adxudicación. E é que, tendo en conta a magnitude do proxecto de construción do 1º Centro de Recría Público en España -dotado de 12 millóns de euros aportados na súa totalidade pola Deputación- e co fin de axilizar estas actuacións cuxo inicio estivo pendente durante meses da DIA, a institución licitou as obras en dúas partes.
A segunda fase, que conta con outros 6 millóns de euros, inclúe a urbanización, dotación interior das naves e instalación da estación depuradora. Esta permitirá que o Centro sexa autosuficiente, é dicir, con capacidade para xestionar o 100% dos residuos que xeren na Granxa, converténdoos en enerxía. As 3.000 novillas xerarán 28.000 metros cúbicos ó ano de purín, o que obriga a facer unha xestión racional.
Vantaxes para os gandeiros
O Deputado de Economía Rural e do Mar salientou que a posta en marcha do Centro de Recría conleva claras vantaxas para os gandeiros: permitiralles ser moito máis competitivos, obtendo animais co máximo nivel produtivo e xenético. Asimesmo, contribuirá a aforrar custes nas súas explotacións, abaratando en 300 euros o gasto que supón recriar cada novilla en centros externos como o de Zaragoza, no que este servizo ronda os 1.500 euros por cabeza. E, finalmente, asegurará a continuidade das explotacións gandeiras de Lugo, mantendo non só os postos de traballo senón fixando poboación no rural.
Segundo o INE, Lugo ten máis de 16.700 explotacións, o 35,4% de Galicia. Os gandeiros da provincia producen máis de 1.000 millóns de litros, é dicir, o 45% de toda a Comunidade e, aproximadamente, o 25% de cota láctea española. Con respecto ó leite ecolóxico, só 8 explotacións gandeiras e empresas relacionadas nunha cooperativa luguesa producen a metade deste produto en Galicia. Este produtores tamén contan co apoio da Deputación.
Problemas
José Fernández apuntou ademais, os problemas que se atopou o departamento que ahora dirixe para facer do Centro de Recría unha realidade:
1º problema: A Granxa Gayoso Castro iniciou a súa actividade no ano 1.942 e nunca cumpriu os obxectivos para a que foi creada (tarefas de investigación no sector primario, recuperación das razas autóctonas ou programas de mellora xenética).
2º problema: As instalacións non estaban recoñecidas como explotación gandeira nin tiñan licenza de actividade. (requisito fundamental, tal e como recolle a lei, para que os gandeiros inicien a súa actividade)
3º problema: A Xunta de Galicia bloqueou máis dun ano a declaración de impacto medioambiental, documento indispensable para poder iniciar as obras.
O 23 de xullo de 2009, o INLUDES, comeza a tramitación ambiental para a construción do Centro de Recría. Naquel momento, pedíuselle á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental que informase de todas as cuestións que se tiñan que ter en conta para que o proxecto cumprise todas as obrigas medioambientais que estipula a lei. Coñecidos os condicionantes, procedeuse á redacción do Estudo de Impacto Ambiental para que a Xunta concedese a DIA . Dito estudo entregouse no Concello de Castro de Rei o 23 de decembro de 2009. A entidade local remitiuno á Consellería de Medio Ambiente o 14 de xaneiro de 2010.
Dende esta última data, e despois de reclamarlle en varias ocasións a axilización nos prazos, a Xunta bloqueou durante máis dun ano, ata o 17 de xaneiro de 2011, a viabilidade ambiental do proxecto, impedindo que se puidesen comezar as obras.