Nota de prensa:
Mañá darán comezo as I Xornadas de História Local de Burela. A primeira das palestras, que terá lugar ás 20:30 horas na sala de conferencias, estará a cargo de Xoán Ramón Fernández Pacios que falará sobre a Burela da Idade Media, centrándose na personaxe de Pedro de Bolaño, Señor da Casa Torre e Porto de Burela.
Pacios dará conta da documentación que fai referencia a Burela ao longo da Idade Media e explicará o devir do que se coñece como Sucesión de Burela, como os Vaamonde se fan coa Sucesión de Burela, mediante foro, e como Pedro de Bolaño consegue esta sucesión, por parte de nai e como preitea contra o bispado para conservala.
Pedro Fernández de Bolaño, foi un nobre con certa trascendencia na história galega, pois apoiara a Pardo de Cela, formando parte do grupo coñecido como “os tres Pedros”, dos que formaban parte Pedro Pardo de Cela, Pedro Miranda e o propio Pedro Bolaño. Á morte de Martín Vázquez de Vaamonde, canónigo de Mondoñedo, encargado da administración de Bretoña e Lourenzá, en 1456, Pedro de Bolaño farase cargo da Sucesión de Burela.
Pedro de Bolaño manterá de forma permanente enemistade cos Reis Católicos, pois casa coa filla do mariscal Pardo de Cela, Dona Beatriz de Castro, ademais de apoiar ao segundo conde de Lemos, Don Rodrigo Osorio na ocupación de Ponferrada en 1485.
Xoán Ramón Fernández Pacios é licenciado en Xeografía e História pola Universidade de Santiago de Compostela e ten realizado diferentes traballos sobre a Idade Media na Mariña, sendo coordinador durante varios anos das Xornadas de Estudos Medievais da Mariña Central, así como das Xornadas de Patrimonio Cultural da Mariña Central. É autor do libro Hospitalidade e perigranación. O Camiño do Norte na Mariña luguesa, publicado en 2009. Paralelamente ao seu labor de investigador, desenvolve distintos traballos de tipo cultural na Asociación Pomba do Arco, da que actualmente é seu presidente.