Nota de prensa:
RAQUEL ARIAS AFIRMA QUE A XUNTA VALORA E APOIA A ATURMAR “PERO NIN SON OS ÚNICOS INTERLOCUTORES NIN PODEN DIRIXIR A DINAMIZACIÓN TURÍSTICA DA MARIÑA”
A delegada territorial explica que se desenvolven notables actuacións na comarca, como o Plan de competitividade, os convenios para a implantación da Q de calidade ou as ofertas do programa “Vive Galicia”
Destaca que se invisten 304.000 euros na sinalización turística da Mariña e en accións concretas de promoción
Lugo, 4 de agosto de 2011.- A delegada territorial, Raquel Arias, afirmou hoxe que a Xunta de Galicia “valora e apoia o traballo que realiza a Asociación de Turismo Rural da Mariña Lucense” (Aturmar) e que “conta con eles para as diversas actuacións que se desenvolven na zona”.
Non obstante, apuntou, “nin son os únicos interlocutores nin poden dirixir a dinamización turística da Mariña”, dado que “deben conxugarse os seus intereses cos de outros estamentos interesados, dende restauradores e hostaleiros ata os propios concellos”.
Arias afirmou que a asociación Aturmar, que preside Manuel Vicente, foi consultada á hora de elaborar o Plan de Competitividade Turística para A Mariña, documento que serve de guía para deseñar actuacións beneficiosas para o conxunto do sector turístico da comarca. ”En concreto, Aturmar foi convocada tres veces -coa asistencia a todas as reunións do seu presidente-, dúas para reunións colectivas e unha individual”, indica a delegada.
Con respecto ás referencias de Manuel Vicente ao convenio asinado o pasado día 2 coa Confederación de Empresarios de Hostalería de Galicia, Arias lembrou que a Secretaría Xeral para o Turismo comunicou ao propio presidente de Aturmar -por ser tamén presidente da Federación Galega de Turismo Rural, Fegatur- a posibilidade de optar a un acordo semellante sempre que se presentara un proxecto conxunto para o turismo rural de toda Galicia.
En todo caso -incide a delegada- o sector do turismo rural é fortemente apoiado dende a Secretaría Xeral, con subvencións para mellora e creación de aldeas rurais, que en 2011 tiveron un orzamento de 1.000.000 de euros, e axudas para turismo activo por 1.500.000 euros, ás que poden acollerse.
As achegas da Secretaría Xeral para o Turismo, “como ben debe saber o presidente Manuel Vicente, realízanse a través de Agatur e Fegatur, como asociacións máis representativas do turismo rural en Galicia”, detalla Arias. Ademais, dende Turgalicia lévanse a cabo convenios con ambas para a implantación da Q de calidade turística.
O programa Vive Galicia ten seis paquetes dedicados en todo ou en parte a divulgar á Mariña Lucense: Ortegal e A Mariña Lucense, Galicia Mix, Capturando imaxes, Á procura do cogomelo, Semana Santa en Viveiro, e Galicia dende o Golfo Ártabro ata o río Miño.
O respaldo da Secretaría Xeral ao turismo rural galego demóstrase tamén na posta en marcha de programas como Xuventur, que subvenciona a mozos e mozas estadías de fin de semana en épocas de escasa demanda para estes establecementos, co que se consigue desestacionalizar o turismo e achegar a este tipo de aloxamentos a potenciais novos clientes.
O programa Xuventur
Xuventur ofertou 1.000 prazas en 105 establecementos de turismo rural de 53 concellos de Galicia durante abril, maio e xuño. Oito destes establecementos están ubicados na Mariña Lucense, onde se ofertaron 66 prazas entre o 1 e o 17 de abril, significando para a Administración un investimento de 6.600 €.
A Secretaría Xeral para o Turismo irá realizando os pagamentos pendentes a medida que os procesos de Intervención e Tesourería Pública o faciliten, unha vez cumprimentados os trámites administrativos que garanten a plena seguridade xurídica coa que avala a Administración Pública de Galicia as súas actuacións.
304.000 euros para a comarca
Por todo o exposto, a delegada territorial entende que as críticas realizadas por Manuel Vicente son “totalmente inxustificadas”, e que “o apoio da Xunta á dinamización turística da Mariña é incontestable”.
Así, no relativo ás súas declaracións sobre un investimento na comarca de 60.000 euros hai que recordarlle que ascende exactamente a 304.000 euros: 240.000 euros para sinalizar os puntos de interese da Mariña Lucense, e 64.000 euros destinados a accións de configuración de novos produtos, formación e mercadotecnia mediante un convenio coa Mancomunidade de Municipios.
“A Xunta aposta con determinación pola promoción turística da área costeira da nosa provincia, contando con todas as partes interesadas para deseñar unha oferta alternativa e interesante capaz de atraer visitantes ao longo de todo o ano, o que redundará en beneficio de todo o sector; tamén do turismo rural”, concluíu Arias.