Nota de prensa
O BNG ASEGURA QUE O CONCELLO DE BARREIROS TEN UN MÍNIMO DE 24 PROCEDEMENTOS XUDICIAIS ABERTOS EN SETE XULGADOS. ASÍ SE DESPRENDE DOS REXISTROS DE ENTRADA E DE SAÍDA DO PRIMEIRO SEMESTRE DESTE 2011 QUE FORON CONSULTADOS POLOS NACIONALISTAS.
Barreiros, 7 de xullo de 2011. O Concello de Barreiros ten un mínimo de 24 procedementos xudiciais abertos, segundo informa o BNG barreirense, despois de revisar os rexistros de entrada e saída correspondentes ao primeiro semestre do ano 2011. Os nacionalistas consideran que o Concello está completamente xudicializado, algo que repercute de xeito moi negativo na súa gobernabilidade.
Desde o grupo municipal do BNG din que “ademais destes 24 procedementos, dos que se ten constancia polos rexistros, o Concello de Barreiros ten abertas unhas dilixencias preprocesuais penais e unhas dilixencias procesuais penais. Durante estes seis meses no rexistro de entradas e saídas do Concello de Barreiros rexistráronse máis de cincuenta movementos entre o propio Concello e os distintos xulgados nos que se están a seguir procedementos xudiciais. Ademais dos movementos relativos a estes procedementos, poden atoparse seis movementos coa Fiscalía Provincial de Lugo, outros seis coa Dirección Xeral da Policía e da Garda Civil, catro co Valedor do Pobo, seis co Tribunal de Contas e cinco máis co Consello de Contas”. Actualmente estanse a seguir procedementos xudiciais nos que toma parte o Concello de Barreiros nos dous xulgados de Mondoñedo, nos dous xulgados de Viveiro, no xulgado de primeira instancia número 2 de Compostela e nos xulgados número 1 e 2 do Contencioso-Administrativo.
A portavoz do BNG no Concello, Ana Ermida, considera que “o Concello de Barreiros está completamente xudicializado e que esta situación repercute moi negativamente na gobernabilidade do mesmo. Máis alá das consecuencias legais que poidan ter unha vez que conclúan, o feito de que exista un volume de comunicacións tan elevado supón que o goberno municipal de Barreiros está máis pendente de respostar aos requirimentos dos distintos xulgados, fiscalía, policía, etc. e de acudir aos xulgados que de atender aos problemas das veciñas e dos veciños”. Ermida subliña que “o que se está priorizando non é o goberno do Concello e o beneficio xeral das e dos barreirenses senón a atención a estes conflitos xudiciais”. O BNG de Barreiros entende que “esta situación é completamente anómala para un Concello e insta ao goberno municipal a preocuparse de gobernar, que é para o que foron elixidos o pasado 22 de maio”.