Nota de prensa
O GOBERNO DE CERVO SUBE UN 7% O GASTO PARA OS SEUS SALARIOS E COMPENSA AS CONTAS ASFIXIANDO OS PAGOS Ó RESTO DOS GRUPOS MUNICIPAIS
-O Grupo Socialista recibirá 3,33 euros mensuais para levar adiante a súa labor de oposición, con todo, “o noso compromiso seguirá sendo serio e responsable, esixíndolle sempre ó goberno o seu cometido”
-Ademais dunha dedicación exclusiva e tres parciais, crease a figura do asesor de goberno para solucionar a xubilación dunha exconcelleira a costa de todos
-Os órganos colexiados serán testemuñas de distincións, por asistir ás Xuntas de Goberno formadas só por membros do PP, recibiranse 150 euros, mentras que por cada pleno, no que estamos representados tódolos grupos a cantidade será de 20 euros
CERVO, 1 DE XULLO. A portavoz do Grupo Municipal Socialista en Cervo denuncia a falsa austeridade da que presume o Partido Popular deste mesmo Concello. Lara Méndez asegura que “o gasto que terán que asumir todos os veciños para cubrir o pago dos salarios do equipo de goberno será excesivo. Nun concello coma o noso, de menos de 5.000 habitantes, no que cada día perdemos máis poboación e servizos, non se pode consentir que o goberno permita unha dedicación exclusiva, tres parciais e que dous concelleiros cobren a súa asistencia ás xuntas de goberno, cando antes non as cobraba ninguén”.
A voceira socialista sinalou que “mentras este grupo de goberno sube o gasto en retribucións, incremetando os costes ata o 7% sendo este gasto de 110.000 €, trata de compensar as contas asfixiando os pagos ó resto dos grupos municipais. Cada grupo político recibirá tan só 10 euros trimestrais para facer a súa labor de oposición. Neste senso, o Grupo Municipal Socialista terá que levar adiante o seu traballo con 3,33 euros ó mes, o que non suporá que o noso esforzo diminúa na mesma proporción. O noso compromiso seguirá sendo serio, responsable e constante, esixíndolle sempre ó goberno o seu cometido”.
Lara Méndez asegura que “o trato discriminatorio que estamos vivindo a día de hoxe no Concello é alarmante. Pero é que ademais de repartir o diñeiro das arcas municipais en beneficio propio e deixar a austeridade para o resto, crean un novo posto, a figura de asesor do goberno. Figura que se traduce nun pago de favores que terán que asumir todos os veciños, xa que o posto será ocupado por unha exconcelleira á que lle solucionarán a xubilación a costa de tódolos cervenses”.
Dende o Grupo Municipal Socialista engaden que “por se isto fora pouco, nos órganos colexiados tamén se farán distincións. Por formar parte das Xuntas de Goberno, que se celebran cada 15 días e ás que só asisten membros do Partido Popular, cada persoa recibirá 150 euros. Pola contra, por asistencia ós plenos municipais, nos que estamos representados tódolos grupos políticos, a retribución que se fixa é de 20 euros e hai que recordar que non se celebran cada 15 días senón que contamos con un cada dous meses. O traballo dos concelleiros do PP parece ser máis valioso que o dos demais”.
Faremos máis con menos
Lara Méndez subliñou que “é vergoñento que utilicen unha administración pública coa intencionalidade de solucionar intereses particulares. A discriminación é total e absoluta e hai que recordar que todos somos representantes dos veciños de Cervo. Para que exista un goberno ten que haber oposición, e viceversa. Que non pensen que por recibir menos euros non faremos o noso traballo, será todo ó contrario, faremos máis con menos. Estaremos pendentes de cada paso co único obxectivo de que non se perxudique ós veciños e esixíndolle a este goberno un esforzo maior para conseguir nestes catro anos todo o que non logrou ata o día de hoxe”.