BURELA.- A concelleira de Economía, Persoal e Mar en Burela, Remedios López Villar, dille ao voceiro do PP, José Mª González Barcia que cree na igualdade de oportunidades, “por iso na constitución dos tribunais de selección de persoal, non están sempre as mesmas persoas, senón que ímos rotando a todos e cada un dos traballadores fixos, respectando sempre a Lei de Función Pública, segundo a cal os membros dos tribunais deben ter unha titulación igual ou superior á requerida para o posto que se vai cubrir. Os cargos electos están excluídos da formación dun tribunal. Dende logo, non se fai como facían vostedes cando gobernaban, que “levaban” sempre a persoas da súa confianza, e ao resto arrinconábanas; iso sí, os presidentes eran ou vostede, ou os Concelleiros do seu grupo do Partido Popular: por que sería? Todos o sabemos”…
López Villar engade que “despois dun ano de traballo fixéronse realidade moitas iniciativas, que fan que Burela sexa máis coñecida na Comunidade Galega e mesmo en España. Pero vostede a día de hoxe só critica a política de persoal, baseándose en rumores infundados sen mostrar unha soa proba veraz e contundente. Paréceme moi triste que chegue ao límite de non respectar aos fillos desta Concelleira, que ás 12 da mañá se achegan á Praza do Concello e, mentras me esperan, participan xogando con outros nenos nas actividades de verán organizadas polo Concello. Por certo, teño que recordarlle que eu só teño unha dedicación diaria de 3 horas. O resto do tempo que permanezo nas dependencias do Concello é porque me gusta deixar o traballo rematado e ben feito; aínda que entendo que a vostede lle gustaría que ás 12 en punto pechase a porta e rematara o traballo outro día, ou mellor aínda, que non o rematara”.
A edil socialista relata o traballo realizado nos seus departamentos neste primeiro ano de goberno en Burela.
“Dende a Concellería de Economía e Facenda, cando tomei posesión do meu cargo, distribuín unha remanente para poder finalizar o ano, xa que o seu goberno deixou de herencia partidas sen cartos e incluso nalgúns casos negativas. Todos os días míranse o BOP, DOG e BOE, lévase un control das subvencións que saen, elabóranse presupostos e fanse os pagos ás empresas que traballan co Concello. Establecemos as taxas máis beneficiosas para o pobo de Burela, considerando as distintas situacións de cada unidade familiar”.