ADEGA e Mariñapatrimonio denuncian ao Conselleiro de Cultura ante a Fiscalía por non evitar o deterioro do Castro de Atalaia de San Cibrao
Lugo, a 15 de xuño de 2011.- Ambas organizacións presentamos esta semana diante da Fiscalía unha denuncia contra o Conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, por non cumprir coa lexislación de protección patrimonial e non velar pola conservación do xacemento arqueolóxico Castro da Atalaia, sito en San Cibrao, no Concello de Cervo. Tras un ano desde que a Dirección Xeral de Patrimonio resolvese ditar o tapado provisorio do xacemento escavado ante o seu posible deterioro, e a pesar das reiteradas chamadas de atención feitas por MariñaPatrimonio e ADEGA ante a Consellaría,a día de hoxe aínda non se cumpriu dita resolución e o ben arqueolóxico está a sufrir danos irreparables.
A degradación do xacemento comezou no ano 2006, cando o Concello de Cervo concedeu licenza para a construción de tres edificios sobre o Castro da Atalaia. Tras as denuncias de ADEGA e MariñaPatrimonio, a anterior D.X. de Patrimonio determinou paralizar as obras, pero para cando chegou a orde de paralización, a construtora Promociones San Ciprián xa tiña destruído totalmente unha das parcelas do xacemento. Posteriormente, procedeuse á escavación en área das outras dúas parcelas non afectadas e a Comisión Territorial de Patrimonio Histórico de Lugo e a Dirección Xeral de Patrimonio pronunciáronse a favor da conservación in situ dos restos arqueolóxicos e en contra da construción dos edificios alegando a grande importancia destes restos.
En xuño de 2010, a D. X. de Patrimonio ditou a resolución na que obrigaba a Promociones San Ciprián a tapar novamente as parcelas escavadas no Castro da Atalaia, no que apareceron importantes estruturas dun asentamento galaico-romano, para protexer o xacemento. Nese mesmo mes Mariñapatrimonio comunicaba a caída dun muro dunha das cabanas do xacemento por mor das choivas e demandaba da Consellaría de Cultura a toma das medidas oportunas. Posteriormente, no mes de novembro, a mesma organización comunicaba á D.X. de Patrimonio os danos causados sobre os restos arqueolóxicos tras a caía duns taboleiros de considerable tamaño desde o alto da obra paralizada.
Unha vez denunciados os feitos, a Delegación de Cultura de Lugo e a Dirección Xeral de Patrimonio emitiron dous expedientes nos que recoñeceron os danos descritos e engadiron outros como: “o anegamento das áreas escavadas”, “o debilitamento dos perfís “ así como “o forzamento das portas de acceso” e “o depósito incontrolado de restos de entullo, material de obras e lixo”. Tamén recoñeceron que “é obvio que unha continua e prolongada influencia das condicións meteorolóxicas adversas producirán un incremento do deterioro”.
Pero estas resolucións da Administración non se están a cumprir e o xacemento atópase nun grande perigo de desaparición. É por iso que Mariñapatrimonio e ADEGA urxen a actuación da Fiscalía para que depure responsabilidades e para que o máximo responsable público neste eido, o conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, asuma a súa obriga de protexer e conservar o patrimonio histórico-cultural de todos os galegos e galegas.
FOTOS: https://picasaweb.google.com/mr.patrimonio/CASTRODAATALAIAFOTOS