Nota de prensa
A DELEGADA TERRITORIAL LEMBRA AO ALCALDE DE RIBADEO QUE O CONCELLO É O RESPONSABLE DE CUMPRIR OS REQUISITOS PARA A OBTENCIÓN DA CONSIDERACIÓN DE BANDEIRA AZUL
O goberno galego continuará traballando, como ata agora, con responsabilidade e continuidade pola salvagarda e promoción deste paraxe, independentemente do problema puntual relacionado coa bandeira azul
Lugo, 10 de xuño de 2011.- A delegada territorial da Xunta de Galicia, Raquel Arias, instou hoxe ao alcalde de Ribadeo a non esquivar a súa responsabilidade sobre a perda da consideración de bandeira azul para a praia das Catedrais.
A representante do Executivo galego, considera que o rexedor está tratando de desviar a atención involucrando a todas as administracións nun problema que é estritamente seu. Ao respecto, sinala que a bandeira azul non foi concedida debido á ausencia ou deficiencia de servizos que son competencia exclusiva do concello.
A estratexia de Fernando Suárez pretende mesturar un problema concreto -a perda da bandeira azul, que só pode resolver o concello- cun problema de ordenación xeral do entorno das catedrais, que nin ten relación algunha co problema da bandeira nin se debe abordar para tratar de agochar este, senón con responsabilidade, como ven facendo a Xunta dende hai anos.
A Xunta sempre traballou pola preservación dos valores naturais da praia das Catedrais, xa que é un Lugar de Interese Comunitario da Rede Natura, ten a consideración de monumento natural e forma parte da Reserva da Biosfera do Río Eo, Oscos e Terras de Burón. Polo tanto, o traballo da Xunta de Galicia neste entorno ven de lonxe, e é serio e responsable como corresponde á preservación dun ben destas características.
Por suposto, é un traballo totalmente alleo á consideración que a asociación internacional Adeac -Asociación de educación ambiental e do consumidor, de carácter privado- faga sobre outros condicionantes que determinan a concesión da bandeira azul, que teñen máis que ver coa existencia ou non de servizos a disposición dos usuarios.
En relación a este problema xeral de ordenación, a Consellería de Medio Rural contempla posibles actuacións a realizar na marisma de Ribadeo e na praia das Catedrais, no marco dos plans de preservación dos bens naturais da Reserva da Biosfera do río Eo, Oscos e Terras de Burón. Ao respecto, a Xunta de Galicia e o MARM asinaron un convenio en decembro do 2010 para establecer as liñas xerais de traballo.
Unha das posibilidades que se están a barallar é a de redactar un plan de ordenación do uso público da praia, que non tería necesariamente que significar a limitación do acceso. En todo caso, é un proxecto que está en fase de estudo co Ministerio de Medio Ambiente, medio Rural e Medio Marino e no que se pretende que, lóxicamente, participe o Concello de Ribadeo.