Nota prensa
O aproveitamento hidroeléctrico do río Landro foi construído entre os anos 2006 e 2008 baixo a inspección e vixilancia da Xunta de Galicia e xa se atopa en explotación
O presidente de Augas de Galicia lembrou que esta infraestrutura non está incluída en ningún dos grupos que considera o acordo sobre aproveitamentos hidroeléctricos nos ríos galegos que adoptou o Parlamento con data o 8 de febreiro de 2011 e que será incorporado ao Plan Hidrolóxico Galicia – Costa
A Xunta de Galicia reitera a súa política marcada por unha clara vontade de restrinxir ao máximo os novos aproveitamentos hidroeléctricos
Santiago, 27 de maio de 2011.- O presidente de Augas de Galicia, Francisco Menéndez, compareceu hoxe ante a Comisión 2ª de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos sobre o aproveitamento hidroeléctrico do río Landro, en Lugo.
Francisco Menéndez recordou que o proxecto de construción desta instalación foi aprobado mediante unha resolución o 30 xuño do ano 2005. Posteriormente á aprobación do proxecto, procedeuse á construción da hidroeléctrica dende o ano 2006 ata o ano 2008, baixo a inspección e vixilancia de Augas de Galicia. Finalmente, o 29 de xaneiro do ano 2010, despois de varias comprobacións técnicas nas que se examinaron aspectos hidráulicos e ambientais, autorizouse a explotación.
Francisco Menéndez lembrou que este aproveitamento non esta incluído en ningún dos grupos que considera o acordo sobre aproveitamentos hidroeléctricos nos ríos galegos que adoptou o Parlamento de Galicia con data o 8 de febreiro de 2011 e que nunha comparecencia en Comisión, o presidente de Augas de Galicia xa aclarou que se incorporaría ao Plan Hidrolóxico Galicia-Costa.
Plan Hidrolóxico Galicia-Costa
O Parlamento de Galicia, con data 8 de febreiro de 2011, adoptou un posicionamento en materia de aproveitamentos hidroeléctricos que se vai incorporar á normativa do Plan Hidrolóxico.
A Xunta de Galicia reiterou en numerosas ocasións que o Goberno galego manterá unha política prudente e marcada por unha clara vontade de restrinxir ao máximo os novos aproveitamentos hidroeléctricos.
Menéndez explicou que en ningún caso serán obxecto de outorgamento aquelas solicitudes de novas concesións de aproveitamentos hidroeléctricos que supoñan a implantación de novos obstáculos transversais no cauce dunha masa de auga superficial. Aquelas solicitudes de modificación de concesións hidroeléctricas que impliquen a modernización ou mellora das infraestruturas xa existentes serán obxecto de valoración, sempre que non modifiquen o vaso de auga encorada.