Nota de prensa
A XUNTA INSTA AO MINISTERIO DE FOMENTO A QUE AXILICE DE INMEDIATO A VAC SAN CIBRAO-BARREIROS, QUE LEVA PRACTICAMENTE PARALIZADA DENDE HAI 7 ANOS
Santiago, 27 de maio de 2011.- A Xunta de Galicia insta ao Ministerio de Fomento a que axilice de inmediato a Vía de Alta Capacidade San Cibrao- Barreiros, que leva paralizada prácticamente dende hai 7 anos. Así o puxo de manifesto esta mañá a directora xeral de Infraestruturas na súa intervención na Comisión 2ª do Parlamento, sobre Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos, onde recordou que o tramo de 30 kms entre San Cibrao e Barreiros, fundamental para a conexión de todo o litoral norte coa autovía do Cantábrico que lle corresponde asumir ao Goberno do Estado, leva varios anos nun proceso de estudo informativo e aínda hoxe as alegacións están sen responder.
Argumentou que o Goberno do Estado só recolleu este ano 10.000 euros nos orzamentos para a execución do citado treito, polo que “esta realidade é unha boa proba da parálise á que está sometido”.
O Plan de Infraestruturas de Ferrol, Eume, Ortegal e a mariña lucense aprobado pola Xunta, no que se establecen unha serie de infraestruturas viarias a executar por parte da Administración autonómica e do Ministerio de Fomento. Neste plan, a Xunta tiña que executar 8 actuacións, das que a día de hoxe 7 xa están rematas, incluída a autovía Ferrol-Vilalba; mentres que das prevista a acometer polo Ministerio de Fomento a metade delas (3) aínda están sen rematar e faltan precisamente dúas das máis importantes para a efectiva vertebración da zona, como son as autovías do Cantábrico e do treito San Cibrao-Barreiros, que nin sequera está empezado.
Actuación da Xunta
A representante da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas explicou que máis da metade da vía de alta capacidade entre Ferrol e San Cibrao (48,5 dos 84 kms totais) chegou a estar paralizada na súa tramitación e unicamente se atopaban en obras 11 km da variante de Ortigueira despois de catro anos do Goberno anterior.
A Xunta de Galicia, fronte aos 16,9 millóns de euros destinados a esta vía entre 2006 e 2009, dos que só se investiron realmente 1,5 millóns, consignou nos seus dous primeiros orzamentos (2010 e 2011) arredor de 39 millóns de euros, máis do dobre de toda a pasada lexislatura.
Lembrou que a orixe desta infraestrutura viaria remóntase a agosto de 2003, cando se someteron a información pública os estudos informativos do tramo autonómico desta vía de alta capacidade. En 2005 quedaron adxudicados os proxectos de trazado de tres tramos, dos oito nos que foi contemplada a actuación. Polo tanto, cabe salientar que non é correcto referirse a esta vía como unha infraestrutura deseñada e promovida na anterior lexislatura.
O actual Goberno da Xunta incluíu cambios en prazos e orzamentos, aplicando a transparencia e o diálogo e mantendo informados aos representantes dos concellos por onde discorre a traza. A día de hoxe, existen tramos en proceso de expropiación e outros que teñen o seu proxecto en redacción, polo que logo de cumpridos os trámites precisos poderán ser licitados.
Vázquez Mourelle afirmou que o seu departamento non vai xogar cos prazos de forma irresponsable como se fixo na anterior lexislatura, posto que en 2007 declarábase que esta vía tería en 2008 máis de 60 km en obras e estaría concluída en 2011. A realidade foi que ata xaneiro de 2009 non se iniciaron as obras na variante de Ortigueira, o primeiro e único treito de 8 km que puideron acometer.
O Goberno galego está a traballar para a axilización das actuacións co fin de que a maior parte da infraestrutura estea en servizo dentro de catro anos e algúns dos treitos xa se poderán utilizar a partir do vindeiro ano.
Tramitación e execución
O treito I, dende a AG-64 (San Sadurniño) ata o Campo do Hospital, está en trámite de expropiacións nos seus tres subtreitos. O seu horizonte no plan MOVE está marcado para o 2015, e o obxectivo é dar cumprimento a estes prazos máximos.
No treito II, entre Campo do Hospital e o enlace da AC-101 (As Pontes- Ortigueira) a tramitación das expropiacións e a licitación da obra prevese en 2013 e a posta en servizo en 2015, tal e como sinla o Plan MOVE. Proxecto de trazado xa está redactado e aprobarase próximamente.
O tramo III, a denominada variante de Ortigueira, atópase en execución, prevéndose a súa finalización para 2013 no plan MOVE. Non obstante, a intención da Xunta é adiantar a posta en funcionamento para o ano 2012.
No treito IV, entre Espasante e Os Ramos, o proxecto está en redacción. As previsións actuais son realizar as expropiacións e a licitación realizaranse entre 2013 e 2014 para poder poñer en servizo o tramo antes de 2017.
No tramo V, entre Os Ramos e Covas, o proxecto está tamén en redacción. Prevese expropiar e licitar entre 2014 e 2015 e poñer en servizo en 2017.
No treito VI, entre Covas e Viveiro Sur, o proxecto atópase en redacción. E a previsión é a posta en servizo no prazo no que se recolle na planificación do Plan MOVE.
No tramo VII, entre Viveiro Sur e Celeiro, o proxecto está en redacción e contarase co mesmo este an, para poder definir o decreto de utilidade pública e acomenter as expropiacións.
Por último, o treito VIII, entre Celeiro e San Cibrao, está en execución. A previsión é que entre en servizo entre finais de 2012 e principios de 2013, ano horizonte fixado no Plan MOVE.
En definitiva, a intención da Xunta de Galicia é ter en servizo, en obras ou expropiacións as dúas terceiras partes (67%) do itinerario entre Ferrol e San Cibrao no ano 2013. A terceira parte restante estará rematada antes do 2017, axustando ao máximo posible os prazos marcados no Plan MOVE para cada un dos tramos.