Nota de prensa
VILLARES ESTÁ IMPUTADO POR PREVARICAR NON POR DEFENDER O PÚBLICO
O concello puido dispoñer dos terreos para o saneamento de Espiñeirido de balde e non o fixo por torpeza e abuso de poder de Villares
O alcalde en funcións segue usando o conflito de Espiñeirido para enfrontar aos veciños e sacar rédito político dun xeito miserábel
Cervo, 20 de maio de 2011. O BNG segue demandando explicacións do PP sobre a imputación por prevaricación do alcalde en funcións e candidato á alcaldía Alfonso Villares. Estúa dixo que o PP por ética política non debería presentar un candidato imputado por prevaricación e pídelle a Villares que asuma as súas responsabilidades xa que facer ouvidos xordos a este feito non axuda nada a mellorar a visión que a cidadanía ten da clase política. Para o nacionalista nin é ético, nin se deben dar por válidos os argumentos de Villares sobre a suposta defensa do público, xa que este sr. non está incurso nun proceso xudicial por defender o público, senón por prevaricación, e isto non se pode consentir a ningunha persoa que pretenda xestionar os recursos públicos e representar aos veciños e veciñas de Cervo.
Villares está imputado por prevaricación non por defender o público
O candidato nacionalista á alcaldía de Cervo, Xoán Antón Estúa, acusou a Villares de pretender converter a súa imputación por prevaricación na digna defensa do interese público cando nada ten que ver, “estamos diante dunha acusación moi grave e Cervo non se merece un candidato á alcaldía que non ten a ética política de asumir as súas responsabilidades cando corresponde”. Para o nacionalista “neste caso xa non se trata de discutir sobre a titularidade pública ou privada dun camiño, senón da actitude ética dun partido que presenta a candidatos con causas xudiciais pendentes”.
O concello puido facer as obras para o saneamento en Espiñeirido sen mais problemas con so pedir o permiso de paso pero Villares preferiu buscar inimigos onde non os había.
En calquera obra pública, redáctase proxecto, debe haber dispoñibilidade de terreos para actuar, orzamento, contratación e execución. Neste caso Villares saltouse o paso segundo e sen ter dispoñibilidade dos terreos ordenou actuar até que lle mostraron escrituras de propiedade e rexistro no catastro que confirmaban a titularidade do ben onde se pretendía actuar como privado. A evidencia de que nin o propio alcalde sabía quen era titular dos terreos foi a aprobación seis meses despois dun acordo plenario no que se abría un expéndete de investigación sobre a titularidade pública ou privada dos bens onde se pretendía actuar. Estúa lembra “que as persoas que reclaman con documentación a titularidade do Camiño do Tellado, non agochan que é unha pasantía, e ofreceron de balde ao concello a súa ocupación para o paso do saneamento en Espiñeirido, pero Villares preferiu a confrontación e as malas artes nun exercizo de irresponsabilidade impropio do seu cargo.