Nota de prensa
O PSOE DE FOZ SOLICITA UN DEBATE PÚBLICO CO RESTO DAS FORZAS POLÍTICAS ANTES DAS VINDEIRAS ELECCIÓNS MUNICIPAIS
-Os socialistas cren que “é o mellor instrumento para que os veciños comparen as ideas, propostas e solucións que cada candidato plantexa para os problemas do noso concello”
A Agrupación Socialista de Foz, en vista da proximidade das vindeiras eleccións municipais do 22 de maio e da variedade de temas importantes no Concello, solicitan un debate público na radio municipal, Radio Foz, ou en calquera outro foro, para que tódolos veciños poidan saber cales son as propostas de cada forza política e poidan comparar os seus posicionamentos sobre os diferentes temas da actualidade municipal.
Os socialistas consideran “necesario e imprescindible fomentar a participación e o debate político. É bo que cada candidato poña sobre a mesa o que pretende facer por Foz, o que se fixo ata o de agora e o que se quere facer no futuro”.
Dende o PSOE de Foz engadiron que “é a forma máis transparente da que dispoñen os veciños para elixir entre as diferentes opcións políticas tras comparar as ideas, propostas e solucións que cada candidato propón para os temas do noso concello”.