OS DÍAS 29 E 30 ABRIL TERÁ LUGAR EN RIBADEO A CUARTA XORNADA FORMATIVA ABORDAXE INTEGRAL DA VIOLENCIA DE XÉNERO NO ÁMBITO LOCAL, QUE ORGANIZA A CONCELLARÍA DA MULLER. ESTA EDICIÓN INCLÚE, ADEMÁIS DE CHARLAS, A PROXECCIÓN DE CURTAS QUE ABORDAN A PROBLEMÁTICA A ANÁLISE.
Ribadeo, 12 de abril de 2011. Os días 29 e 30 de abril terá lugar no Cine Teatro de Ribadeo a cuarta xornada formativa Abordaxe integral da violencia de xénero no ámbito local, que organiza a Concellaría da Muller. A inscrición é gratuita e xa está aberta.
Álvarez Lastra contou que “se trata da cuarta xornada que se fará no noso concello os días 29 e 30 de abril no Cine Teatro. A inscrición é gratuita, comeza hoxe e remata o 28 deste mes”. A edil nacionalista sinalou que “tentamos de afondar nos mecanismos que propician a violencia de xénero, sobre todo para facer medidas de prevención, de sensibilización, traballar no ámbito educativo e facilitar a formación dos profesionais, dos técnicos do ámbito sanitario, social, educativo, político e policial co fin de dar unha maior atención e de máis calidade ás persoas que o están sufrindo”.
A concelleira da Muller convida “a todas aquelas persoas que o desexen a participar, ao marxe de que sexan técnicas ou non, o venres 29 e o sábado 30 a esta cuarta xornada formativa do Concello de Ribadeo Abordaxe integral da violencia de xénero no ámbito local. Hai charlas e conferencias que abordar os ámbitos xudicial, sanitario e educativo, porque a sensibilización nos parece algo fundamental para tratar de previr esta lacra social”.
Mariluz Álvarez Lastra subliña que “a matrícula é gratuita, pero sí se precisa saber o número de asistentes para que poidan levar un certificado acreditativo. Toda a cidadanía e as asociacións están convidadas a asistir a aquelas charlas que lles poidan resultar interesantes”. E engade que “ademáis de charlas completaremos o programa coa proxección de curtas, coma a nominada aos Goya El orden de las cosas, que trata sobre a violencia de xénero e tamén proxectaremos de novo a cinta galardoada no concurso de guións cinematográficos do Concello de Ribadeo, que gañou o IES Gamallo Fierros, A Xenia do fútbol e a arte de Fabio”.