Nota de prensa:
O BNG DEFENDERÁ NO PLENO DO VINDEIRO MARTES A DECLARACIÓN DE LUGO COMO ZONA DESNUCLEARIZADA
A proposta ten como obxectivos a prohibición de construír centrais nucleares en Galiza, o impulso de políticas de aforro e eficiencia enerxética e o incremento do uso de enerxías renovábeis no modelo enerxético
LUGO, 27 de marzo de 2011. O vindeiro martes día 29 no pleno da Deputación de Lugo, o BNG defenderá, a través dunha proposta do equipo de goberno, a declaración da provincia de Lugo como zona non nuclear. Esta proposta realizouse tendo en conta os efectos sísmicos sobre a central nuclear de Fukushima, no norte do Xapón, que obrigaron ás autoridades a declarar o estado de “emerxencia de enerxía nuclear”, producíndose fugas radiactivas, e a evacuación de máis de 200.000 persoas en case 40 km. á redonda e continuando latente o risco de fusión atómica e a explosión do propio reactor nuclear que desencadearía un accidente nuclear fatal a nivel mundial. Na proposta, a corporación insta á Xunta de Galiza a que se dirixa ao goberno do Estado para que se leven adiante as actuacións necesarias co fin de que Galiza sexa de maneira efectiva territorio desnuclearizado, quedando deste xeito prohibida a construción de centrais nucleares en Galiza, á vez que se impulsen políticas de aforro e eficiencia enerxética e se incremente o uso de enerxías renovábeis no modelo enerxético.
Outras traxedias e accidentes e accidentes deste tipo poñen de manifesto que ningún reactor nuclear é seguro e que a enerxía nuclear carece das garantías ambientais e de seguridade esixíbeis, alén de que non é necesaria para facer fronte ás necesidades enerxéticas de Galiza ou do Estado español. Por outra banda, o pobo galego tense manifestado historicamente contra os intentos de instalar centrais nucleares en Galiza: non só se freou a intención de construír unha central en Xove a finais dos 80, senón que dende aquela, as ideas e posicións antinucleares se asumiron como maioritarias na nosa sociedade. Galiza ten padecido un dos máis graves problemas derivados da enerxía nuclear ao acoller fronte ás súas costas, a comezos dos anos 80, un vertedoiro de miles de toneladas de residuos radiactivos que contou coa forte oposición do pobo galego e das súas institucións locais, conseguindo paralizar os vertidos na Fosa Atlántica.A finais do século pasado estivo presente novamente o debate nuclear cos intentos de ENRESA de situar un cemiterio nuclear no noso País, desbotado finalmente grazas a unha conciencia cidadá contraria á nuclearización.
O noso país exporta na actualidade máis da terceira parte da electricidade que xera. A promoción do aforro e a eficiencia enerxética, desenvolvendo as enerxías renovábeis con garantías de respecto ao medio natural son a vía para que os galegos e galegas poidamos satisfacer as nosas necesidades de electricidade cun baixo impacto medioambiental. En calquera caso, a enerxía nuclear non é o futuro: non respecta o medio ambiente, tampouco a saúde das persoas, as centrais nucleares contaminan en todas as fases e supoñen un risco, sobre todo en caso de accidentes, e o tratamento dos residuos segue pendente, dado que manteñen a súa radiactividade e perigo durante 250.000 anos. Deste xeito, compróbase como falso que a enerxía nuclear sexa un medio máis barato para a produción de enerxía eléctrica xa que é preciso calcular o custe incluíndo todo o proceso, que vai desde a extracción do uranio, o seu enriquecemento, as propias centrais nucleares, o reprocesamento do combustíbel e a xestión de residuos.