Nota de prensa
O BNG DE FOZ ANIMA Á MANIFESTACIÓN DO DOMINGO EN DEFENSA DAS CAIXAS GALEGAS
O BNG estivo no mercado semanal informando sobre a situación crítica de Galiza e a necesidade de reaccionar
Foz, 8 de marzo de 2011.- O BNG de Foz estivo este martes no mercado da vila repartindo folletos informativos sobre a manifestación deste domingo, 13 de Marzo, ás 12 horas en Santiago baixo o lema “Galiza ten Dereito. En defensa do Aforro, o Emprego e o País”. Unha manifestación aberta ao conxunto da sociedade que pretende ser a expresión da dignidade deste País e da vontade da sociedade galega de conquistar o seu dereito a vivir e producir nesta terra.
Para o BNG, Galiza atravesa unha situación de emerxencia nacional. Desde que goberna Feijóo, o noso País lidera a destrución de emprego no conxunto do Estado, até chegarmos a un máximo histórico de 245.000 paradas e parados, produto do acoso ao que están sometidos os sectores produtivos básicos da nosa nación (desde o enerxético até o financeiro pasando polo lácteo, o naval e o complexo mar-industria). É o produto da acción combinada de dous gobernos, o Goberno do Estado en mans do PSOE e o Goberno galego en mans do PP.
A situación é crítica porque está en xogo o noso aforro, coa ameaza da privatización da caixa galega, o emprego -con ausencia de políticas que activen os sectores produtivos- e o propio País, coas súas competencias exclusivas postas en cuestión polo Goberno do Estado.
E ante esta situación, o Goberno galego nin fai nin propón nada, dirixido por un presidente, o Sr. Núñez Feijóo, que está a demostrar a súa incompetencia e que non dá a talla ante a gravidade dos problemas que enfrontamos como País.
Podemos perder o aforro galego -lembremos que a caixa que o Goberno PSOE quer privatizar, sen resistencia por parte da Xunta, concentra máis do 50 por cento dos depósitos das galegas e dos galegos- e podemos perder tamén a suficiencia enerxética, de se aplicar até as últimas consecuencias un Decreto do Carbón -votado conxuntamente por PSOE e PP- que pode levar a que Galiza pase de ser unha potencia excedentaria a ser un País dependente en materia enerxética.
E ao mesmo tempo que o aforro e a enerxía están en perigo, arredor de 1.500 explotacións leiteiras pecharon desde que o PP goberna a Xunta, a UE continúa decretando desguaces para a frota pesqueira galega, o sector da conserva está en risco e o naval ten a súa capacidade produtiva baixo mínimos.
Por iso o BNG convida a todos os veciños de Foz a acudir a esta manifestación para a que se disporá de autobuses, chamando para a reserva ao número 982 140 654.