Nota de prensa
De acceso universal e grautíto calquera persoa que dispoña de internet pode consultar as fotografías que ofrecen anacos da nosa historia e das nosas xentes
A REDE SOCIAL FACEBOOK ACOLLE A FOTOTECA DO CONCELLO DE CERVO
• A presenza na rede social permite interactuar aos visitantes da páxina, xa ben sexa aportando novas imaxes ou colaborando na descrición e catalogacións das fotografías existentes.
• A concelleira de Cultura Chelo Gallego anima a veciños e curiosos a visitar a fototeca.
Cervo, 03 de marzo de 2009.- A rede social Facebook acolle nunha das súas páxinas de acceso libre e gratuíto a Fototeca do Concello de Cervo cuxo principal obxectivo é a conservación e difusión das imaxes que mostran “anacos gráficos da nosa historia e a das nosas xentes, veciñas e veciños deste termo municipal”. Así o explicou a edila de Cultura, Chelo Gallego quen salientou o cada vez maior interese na consulta e conservación das fotografías como testemuñas da actualidade e do pasado, e a oportunidade que este Fototeca ofrece precisamente para a súa consulta, recollida e dixitalización.
“Os cada vez maiores medios tecnolóxicos ao noso alcance: computadores, televisións, pantallas, internet, …. fan da fotografía un novo recurso nada desprezable para formar parte das coleccións das bibliotecas e centros de documentación, pero tamén ofrecen espazos de consulta inmediata, como as redes sociais, nos que todos poden participar desde nosa casa, xa sexa visionando as imáxes ou achegando novas fotografías”-indicou Chelo Gallego
Moitas das fotografías incluídas son froito da campaña de elaboración dun arquivo gráfico posto en marcha anos atrás desde as delegacións de Cultura, Asuntos Sociais e Educación, e moitas tamén formaron parte das imaxes seleccionadas para o calendario que o Concello de Cervo reparte cada ano entre os seus veciños.
CONSERVACIÓN
A conservación é un dos obxectivos principais de calquera fondo fotográfico. O bo estado de conservación dunha fotografía virá determinado polo seu procedemento de elaboración (soporte, procesado técnico, …), pola súa historia ata chegar a nós, e polas condicións de almacenamento e difusión que esteamos utilizando na actualidade. Ata agora, era moi común obter segundos orixinais da fotografía para facilitar a súa difusión e garantir a correcta conservación do orixinal, pero actualmente contamos co recurso da dixitalización informática.
A dixitalización de imaxes, grazas precisamente ao seu tratamento informático e a subida a espazos webs, persegue dous obxectivos fundamentais: asegurar a conservación daqueles fondos fotográficos, que as súas peculiaridades de orixinalidade, carácter histórico, … esixe, e facilitar a difusión destes fondos fotográficos dun xeito áxil e sinxela.
INTERACCIÓN E DOCUMENTACIÓN
A Fototeca do Concello de Cervo en Facebook permite tamén un máis acaído proceso de catalogación da fotografía, acadando unha interacción cos veciños, usuarios e visitantes da web que desde o mesmo momento no que acceden á páxina son parte colaboradora esencial na súa descrición física e na análise do seu contido.
Precisamente o Concello de Cervo é un dos entes públicos locais que maior uso e aproveitamento está a facer das novas tecnoloxías web mostra do cal están os diversos perfís que este municipio ten nas principais redes sociais (Facebook, Tuenti, Tuenti, Twitter, e de espazos de imaxe e vídeo como o flickr, picasaweb ou Youtube)
Para acceder de xeito gratuíto e universal a Fototeca do Concello de Cervo na rede social Facebook tan só é necesario clikar nela na barra de busca ou visitar o seguinte enlace:
http://www.facebook.com/pages/Fototeca-Concello-De-Cervo/113779428686881?v=wall