Nota de prensa
O CONCELLO DE CERVO ACOMETE AS OBRAS DE RENOVACIÓN E MELLORA DA REDE DE ABASTECEMENTO DE AUGA DA RÚA XOSÉ Mª CAO, NA CAPITAL DO MUNICIPIO
*
Os traballos forman parte dun convenio de máis de 209.000 euros subscrito entre o Concello e a Xunta para acometer a modernización do abastecemento de auga en varios puntos do municipio
Cervo, 02 de marzo de 2011.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, informou esta mañá do inicio dos traballos de renovación e mellora da rede de abastecemento de auga municipal na rúa Xosé María Cao, en Cervo. O rexedor indicou que os traballos consisten na reposición da vella rede de subministro -de fibrocemento- por unha canalización nova de PVC. A maiores, esta actuación abrangue tamén a construción dunha nova canalización das augas pluviais desta rúa “o que nos permitirá desconxestionar o caudal do saneamento xeral de Cervo” sinalou Villares.
Estes traballos estanse a facer ao amparo dun convenio subscrito o pasado ano 2010 entre o Concello de Cervo e a Xunta de Galicia por valor de 209.767 euros no que se recollían distintas obras de mellora nos abastecementos de auga do término municipal. Boa parte destes traballos xa foron realizados nos meses pasados, en concreto foron feitas obras de mellora nos abastecementos de Castelo, Lieiro, San Ciprián, Rueta e tamén noutros puntos do núcleo de Cervo.
“Os traballos teñen por obxecto actuar na mellora das infraestruturas básicas do noso municipio e perseguen dúas finalidades: Por unha banda, renovar boa parte das canalizacións de augas nas zonas que presentaban maiores problemas de avarías polo paso do tempo; e por outra, optimizar a calidade do servizo en puntos onde a rede adoecía de deficiencias” sinalou o rexedor. Villares salientou tamén o beneficio que suporá este investimento procedente da Xunta para os veciños do termino municipal e lembrou que a devandita actuación forma parte do programa de dotación e mellora de infraestruturas básicas que o Goberno local está a levar adiante nestes últimos anos e no que tamén se integran obras coma o abastecemento de auga compartida co concello de Burela ou os saneamentos de San Ciprián, Cervo ou a Senra. “Todas estas actuacións suman un importante esforzo inversor das distintas administracións implicadas neste tipo de obras. Dende o Concello continuaremos traballando paso a paso ata conseguir dotar e modernizar tódolos recunchos do noso concello deste tipo de infraestruturas básicas para o desenrolo do noso municipio” indicou.