Nota de prensa:
O presidente do PPdeG lamenta que, nos tempos que corren, os cidadáns xa non confían no Goberno de España; e o Goberno de España goberna desde a desconfianza
Feijóo: “Os principais problemas dun Goberno municipal deben ser os problemas dos cidadáns; e non do propio Concello”
* Indica que o PPdeG representa a austeridade, a planificación, a xestión e o rigor, exactamente o contrario do que teñen propiciado demasiados gobernos socialistas e nacionalistas
* Di que é máis que nunca o momento da unidade e de sumar éxitos, forzas, ideas e obxectivos e indicou que fronte aos que dividen e están divididos está o PP
Mondoñedo, 26 de febreiro de 2011-. O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe que, “os principais problemas dun Goberno municipal deben ser os problemas dos cidadáns; e non do propio Concello”.
Así se expresaba o líder dos populares galegos na presentación da candidata á Alcaldía de Mondoñedo, Elena Candia, onde sinalou que hai nos populares unha alternativa de xestión ao experimento socialista en España, que ten unha reproducción en miniatura nos concellos gobernados polo PSOE e, nos que hai bipartitos de socialistas e nacionalistas, irmáns do bipartito galego e o tripartito catalán.
Tras o acto de Mondoñedo, Núñez Feijóo participou tamén este serán na presentación do candidato á Alcaldía da Pastoriza, José Yánez.
O GOBERNO DA DESCONFIANZA
Segundo Feijóo, aos malos datos económicos que hoxe presenta España, engádeselle unha percepción de desconfianza coa que non será posible solucionar o primeiro: os cidadáns xa non confían no Goberno de España; e o Goberno de España goberna desde a desconfianza cara ás Comunidades e os Concellos, aos que quere facer pagar a débeda da súa mala previsión económica; desde a desconfianza que España xera nos mercados e institucións europeas; e desde a desconfianza nos cidadáns, aos que temen ter que escoitar nas urnas.
Con respecto a isto, o dirixente popular sinalou que é necesario xestionar a España real desde as Comunidades e os concellos, dicindo como están as cousas e ata onde se pode chegar e amosando que hai outra forma de gobernar alternativa á actual en España.
Así, fronte á ficción socialista, os populares parten dunha realidade e da verdade da España na que vivimos, da Galicia real, do concello tal e como está e das preocupacións dos cidadáns para que estas sexan as primeiras ocupacións dos novos gobernos locais.
Nesta liña, Feijóo indicou que o PPdeG representa a austeridade, a planificación, a xestión e o rigor, exactamente o contrario do que teñen propiciado demasiados gobernos socialistas e nacionalistas.
OS COMPROMISOS DO PPdeG
Por outra banda, Feijóo subliñou que os populares están comprometidos co emprego, para non dar un paso que non signifique ampliar as oportunidades que se poidan xerar nos concellos; co benestar, cunha política económica que faga posible a política social desde as persoas que máis o precisan a todos os cidadáns.
Do mesmo xeito, asegurou que os populares, ao igual que o Goberno galego, se comprometen cunha política económica equilibrada, para non condenar aos concellos a débedas impagables ás que terán que facer fronte xeracións futuras e presentes; coa cooperación, para que Galicia sexa un país máis competitivo; cunha xestión que substitúa á burocracia e os trámites innecesarios pola eficacia e o servizo público; e con non subir os impostos aos cidadáns e, en todo caso, baixalos.
Segundo Feijóo, é máis que nunca o momento da unidade e de sumar éxitos, forzas, ideas e obxectivos e indicou que fronte aos que dividen e están divididos está o PP, un partido que, como Galicia, é libre e fiable.