Nota de prensa:
Teñen como obxectivo facilitar o acceso igualitario dos cidadáns á alfabetización dixital
SEIS CONCELLOS DA PROVINCIA DE LUGO FORMALIZARON XA A SÚA ADHESIÓN Á REDE DE AULAS CEMIT DE ACCESO PÚBLICO ÁS NOVAS TECNOLOXÍAS
* Os municipio de Ribadeo vén de asinar o protocolo de colaboración para incorporarse á Rede de Centros de Modernización e Inclusión Tecnolóxica
* Súmase aos concellos de O Vicedo, Riotorto, Sarria, Burela e Carballedo que xa formalizaran a súa integración na Rede
* Desde estas aulas fomentarase o uso das TIC entre a poboación con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital
* Ademais promoverase a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrarase ás pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información
* A nova Rede nace coa vocación de estenderse por todo o territorio galego
Santiago, 26 de febreiro de 2011.- O concello lugués de Ribadeo vén de asinar o convenio de colaboración coa Xunta de Galicia para adherirse á Rede CeMIT, que ten como obxectivo promover o uso das novas tecnoloxías da información e a comunicación na poboación, especialmente nos colectivos onde a fenda dixital é máis evidente. Con este concello xa son seis os municipios da provincia que se integran na Rede Cemit: O Vicedo, Riotorto, Sarria, Burela e Carballedo.
Na actualidade son 89 concellos adheridos que ofrecen 94 aulas de acceso público ás novas tecnoloxías para cumprir os obxectivos da Rede CeMIT, dos cales 53 asinarán o protocolo de adhesión que lles posibilitará a contratación dun axente TIC que impulsará as actividades no centro definidas no Plan de Alfabetización Dixital da Rede. A Rede, que conta cun orzamento de máis de 960.000 euros en 2011 ponse en marcha con vocación de estenderse a todo o territorio galego.
Achegas da Xunta e os Concellos
Coa sinatura destes convenios ultímanse as actuacións previas necesarias para a posta en marcha da Rede. Unha vez formalizado o convenio o seguinte paso para poder iniciar as actividades da Rede será que os concellos completen os trámites, nun prazo máximo de dous meses, para contratar ao Axente TIC, profesional que atenderá o centro. Segundo se establece nos protocolos de adhesión, os municipios que se incorporan á Rede CeMIT dispoñen dun local que cumpre os requisitos técnicos precisos e ocuparanse do seu mantemento. Ademais, a Xunta abonará aos concellos unha cantidade equivalente ao o 80% do salario do Axente TIC, sendo o municipio o que achegue o 20% restante.
O axente TIC ocuparase da promoción do uso das novas tecnoloxías entre a poboación, especialmente entre os colectivos con máis dificultades de acceso ás TIC, programando actividades e estratexias adaptadas.
A Administración autonómica porá á disposición do concello unha Carta de servizos e catálogo de actividades da Rede CeMIT, que inclúe cursos de formación, obradoiros, charlas. Ademáis facilitará un plan de formación continua para os axentes TIC, aos que tamén facilitará a infraestrutura tecnolóxica necesaria (portal web, correo electrónico, repositorio de contidos…), que lles permita desenvolver o seu labor e posta en común das súas experiencias.
Obxectivos
A Rede de Centros de Modernización e Innovación Tecnolóxica configúrase como o instrumento fundamental para promover a alfabetización dixital da sociedade galega. Ademais de fomentar o uso das TIC entre a poboación con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, tamén promoverá a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrará ás pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información. A Rede tamén difundirá os servizos da Administración electrónica e capacitará aos cidadáns para empregalos.
.
Público Obxectivo
Os diferentes servizos que se ofrecerán teñen como público obxectivo cinco colectivos: a cidadanía, na que se inclúen os desempregados, maiores, inmigrantes, mulleres e persoas con discapacidade; os profesionais das TIC, tanto ocupados como desempregados; as empresas, micropemes e autónomos; os empregados públicos; e os axentes territoriais, colectivo que agrupa aos servizos municipais, asociacións civís, empresariais, Ongs, Anpas etc.
Colaboración coa Fegamp
A Rede CeMit ten a vocación de achegar os contidos e os servizos tecnolóxicos en igualdade de oportunidades a todos os galegos. Con este obxectivo a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica e a Federación Galega de Municipios e Provincias asinaron o pasado mes de abril un acordo para difundir, promocionar e potenciar a Rede, co obxectivo de que os concellos se sumen á iniciativa para que o novo modelo acade o maior ámbito xeográfico, institucional e social posible.