Nota de prensa
A mocidade, a grande beneficiaria dos dous programas de emprego para 1.000 persoas que arrinca a Deputación
– O organismo provincial publicou hoxe na súa web os 576 admitidos nos cursos que se impartirán co Pacto Provincial polo Emprego xunto ós 451 do Lugo Emprega
– Besteiro presentou as cifras á Asociación de Xóvenes Empresarios que avalan que máis do 70% dos beneficiarios do Pacto Provincial ten entre 16 e 45 anos
– AJE apoia ó Concello de Lugo na petición de reducir á metade o prezo do solo industrial das Gándaras no almorzo que os empresarios mantiveron co Presidente e o Alcalde lugués
O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Alcalde de Lugo, José López Orozco, participaron este xoves nos Almorzos de Negocios organizados pola Asociación de Empresarios de Lugo (AJE). No transcurso do encontro, no que tanto Gómez Besteiro como Orozco compartiron cos asistentes as políticas económicas que están a levar a cabo as dúas administracións para crear emprego na provincia, Gómez Besteiro anunciou que os xóvenes son os que máis se beneficiarán dos programas cos que o organismo provincial contribúe a frear o paro na provincia, o Pacto Provincial polo Emprego e o Lugo Emprega.
A Deputación publicou hoxe mesmo na súa páxina de web a listaxe dos 576 desempregados da provincia que se formarán nas profesións con máis futuro en Lugo, e que foron previamente diagnosticadas dentro do Pacto, dotado con 3,4 millóns de euros e co-financiado nun 80% polo Fondo Social Europeo. Neste senso, o máximo mandatario provincial subliñou que que “o 35% son menores de 30 anos e o 31% maiores de 45 e, por sexos, destacan as mulleres cun 82%”. En total, 1.650 persoas formalizaron a solicitude no INLUDES para participar no programa, case o triple das prazas ofertadas.
Tal e como anunciou o Presidente, a formación iniciarase na primeira quincena de marzo. Está destinada a todos os desempregados da provincia, agás do Concello de Lugo que ten máis de 50.000 habitantes e ten o seu propio Pacto. A formación comprende 45 cursos relacionados coas áreas sociosanitaria, hostalería, turismo e forestal. Suman máis de 15.000 horas de formación e 60.000 de prácticas en empresas. A formación ten un custe 0 para os participantes, polo que a Deputación lles aforra a cantidade que deberían pagar se fixesen os cursos por conta propia, é dicir, unha media de 2.000 euros por persoa e máis de 1 millón de euros a todos os seleccionados. Os beneficiarios recibirán unha axuda económica tanto na formación como nas prácticas equivalente ó 75% do IPREM, ou o que é o mesmo, uns 400 euros mensuais.
As accións formativas celebraranse en distintos Concellos para favorecer a participación dos asistente. A distribución queda do seguinte xeito:
– Na zona norte impartiranse 15 accións formativas que se impartirán 8 municipios: Foz, Ribadeo, Viveiro, Burela, Mondoñedo, Valadouro, Lourenzá e A Pontenova.
– Na centro 19, que se celebrarán en 13 Concellos: Fonsagrada, Cervantes, Monterroso, Palas de Rei, Sarria, Vilalba, Rábade, Guitiriz, Meira, Castro de Rei, Castroverde, Portomarín e Baralla.
– Na zona sur impartiranse 11 cursos que se desenvolverán en Chantada, Monforte, Sober, Ribas de Sil, Pobra de Brollón, Pantón e Bóveda.
O día 1 de marzo, todos traballando
Na xuntanza, o titular provincial destacou que o día 1 de marzo comezarán a traballar nos Concellos de menos de 5.000 habitantes os 451 desempregados que foron seleccionados dentro do Lugo Emprega. Destes, o 71% dos beneficiarios teñen entre 16 e 45 anos. O 29,21% sobrepasan esta idade. Nos municipios de máis de 5.000 habitantes, os Concellos están a realizar a selección das 260 persoas que atoparán traballo, durante seis meses, grazas ó programa da Deputación. Gómez Besteiro subliñou o éxito da convocatoria, “sen precedentes en Galicia”, xa que máis de 6.700 persoas realizaron a solicitude, 2407 nos municipios de menos de 5.000 habitantes e 4.300 nos que superan esta cifra e os 500 parados.
En total, o organismo provincial destina preto de 15 millóns de euros ó fomento do emprego da provincia. Ás dúas iniciativas anteriores súmanse a convocatoria se bombeiros, a través da que se dará traballo a 114 persoas, e as 120 que presentarán o seu servizo nas residencias da terceira idade e centros de día que construirá SUPLUSA. Neste senso, o máximo mandatario provincial subliñou que “coa Deputación haberá menos paro na provincia, polo que estamos suplindo á Xunta que é a administración con competencias nesta materia. Precisamente, os Concellos nos que máis se disparou o paro no último ano están gobernados polo PP”. A provincia pechou o ano 2010 cun incremento do paro do 10,32% e o goberno autonómico tan só concedeu obradoiros de emprego na provincia a 10 Concello do Partido Popular.
Apoio de AJE á rebaixa de solo industrial proposta polo Concello
Durante o encontro, a Asociación luguesa amosou o apoio á petición do Concello de Lugo de reducir á metade o solo industrial das Gándaras para favorecer o asentamento de empresas. Neste senso, o Presidente subliñou a importancia “de que estes momentos é cando hai que ser máis flexibles. Por exemplo, segundo a política que temos en SUPLUSA, o prezo oscila entre os 35 e os 40 euros”.
Na actualidade, o de Lugo é o quinto polígono máis caro de Galicia e só está superado por 4 de Pontevedra. Na provincia da Coruña o prezo medio por metro cadrado é de 60.26 euros, polo que nin Arteixo, o polígono industrial máis importante e onde puideron situarse multinacionais coma a central de INDITEX, o custe medio non acada o que propón a Xunta, 105 euros. En Ourense, o prezo medio por metro cadrado é de 68,5, e en Pontevedra, de 107 euros.
Ademais a Xunta rebaixou en outro do ano pasado entre un 15% e un 25% o valor das parcelas do polígono de Mondoñedo, Vimianzo e Malpica. O Conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, acordou por aquel entón establecer bonificacións en ditos polígonos, así como nas peticións de compra que se presenten ata finais de xuño de 2011 na totalidade de parques que comercializa a Sociedade Empresarial do Atlántico.
Novas vías de negocio
No encontro, no que ademais do Presidente da Deputación e do Alcalde de Lugo, participaron 20 persoas representantes de distintos sectores económicos, enmárcase dentro do programa de actividades que está levar a cabo a Asociación, e que está dirixido ós mozos empresarios co fin de fomentar a cultura emprendedora en Galicia e na provincia en particular. Con esta xuntanza multisectorial, AJE busca estimular o crecemento económico da provincia, a través do fomento das interrelacións empresariais tanto no colectivo de empresarios asociados como fóra da propia Asociacións. A xornada tamén permite ós empresarios ampliar os seus contactos con novos proveedores e clientes, conseguindo abrir novas vías de negocio. Deste xeito, Gómez Besteiro subliñou que “iniciativas coma esta permiten que xurdan novas ideas. En definitiva, estes encontros permiten ampliar experiencias. Isto ten que ser unha sinerxia”.