Nota de prensa
O BNG DE FOZ PRESENTA UNHA MOCIÓN CONTRA A PRIVATIZACIÓN DAS CAIXAS DE AFORRO
“A PRIVATIZACIÓN DA NOSA CAIXA GALEGA SIGNIFICARÍA A DESAPARICIÓN DUN SISTEMA FINANCEIRO GALEGO PROPIO”
PÍDELLE AO PRESIDENTE DA XUNTA QUE SE POÑA Á FRONTE DA CONTESTACIÓN DO DESEÑO DUN NOVO MAPA FINANCEIRO
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
Ao tempo que se está a iniciar a andaina da nova caixa de aforros galega, logo de acometer un proceso de integración que conta cun alto grado de consenso dos axentes sociais de Galiza, e que ten por obxectivo primordial seguir dotando a Galiza dun instrumento financeiro solvente ao servizo da economía do país, o Goberno Central vén de formular unha proposta de reforma do sistema financeiro que avanza cara a privatización das caixas de aforro e implica unha mudanza substancial de dito proceso e aboca a “Novacaixagalicia” a transformarse nun banco privado.
A decisión do Goberno Central non ten fundamentos técnicos ou económicos, é exclusivamente política, e ten coma orixe a absoluta subordinación do Goberno do Estado aos intereses do capital financeiro. Constitúe un chanzo máis no proceso de consolidación do capital financeiro, auténtico detonante da actual crise económica polas súas prácticas especulativas guiadas por un afán de obter enormes lucros por riba da evolución da economía real, e que agora quere saír reforzado incidindo claramente no sistema público de pensións e nas propias caixas de aforro.
O BNG vén advertindo do deseño adoptado polo Goberno Central, consensuado co PP, que fomentaba a desterritorialización, bancarización e privatización das caixas de aforro, plasmando tanto na creación do Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB), como na aprobación dunha reforma express da normativa ordenadora dos órganos reitores das caixas de aforro, que serven de marco xurídico de referencia no cal se sustenta agora a nova reforma deseñada polo Goberno Central.
Perante iso, o BNG promoveu unha reforma da Lei de caixas de aforro de Galiza cuxa finalidade é a de colocar o aforro galego ao servizo do tecido produtivo do país e ademais defendemos desde o primeiro momento a fusión galega como ferramenta clara do reforzo e blindaxe do sistema financeiro galego. Mais agora, ese resultado de contarmos cunha única caixa de aforros galega está en cuestión, certamente por unha repentina actuación unilateral do Goberno Central e do Banco de España, mais tamén polo amparo que lle outorga o marco xurídico deseñado logo dos cambios legais que, consensuados polo PSOE e PP, foron acometidos ao longo dos últimos dous anos.
Galiza non pode ficar impasíbel perante a tentativa de quedar sen unha caixa de aforro que se encargue de nutrir o financiamento necesario para o tecido produtivo do país, onde as empresas e emprendedores galegos obteñan os recursos precisos para facer viábeis os proxectos que crean valor, riqueza e emprego en Galiza.
A privatización da nosa caixa galega significaría a desaparición dun sistema financeiro galego propio. Sen dúbida, constituiría unha apropiación indebida da caixas de aforros galega aos seus lexítimos propietarios, as institucións e impositores, para permitir a absorción do aforro galego polos poderes financeiros alleos a este país. Alén diso, a privatización das caixas de aforro non vai resolver a crise económica actual, senón que pola contra vaina agudizar ao reforzar máis o poder do capital financeiro privado en detrimento das maiorías sociais que se sumirán nunha fonda crise social.
No BNG estamos convencidos que é o momento de defender os intereses de Galiza, reclamando tamén ao Presidente da Xunta de Galiza que se poña á fronte da contestación do deseño dun novo mapa financeiro que non respecta nin a galeguidade, nin a vocación social da nova caixa de aforros galega, e faga valer o consenso acadado na sociedade galega a prol dunha caixa de aforros que cumpra dun xeito efectivo o seu papel social de contribución ao impulso da economía produtiva do país.
Polo o exposto, o grupo municipal do BNG, solicita do Pleno da Corporación a adopción do seguinte
ACORDO
1. Rexeitar frontalmente as pretensións do Goberno do Estado de privatizar e bancarizar a nosa caixa galega (Novacaixagalicia).
2. Solicitar do Goberno do Estado a retirada do denominado “Plan de reforzamento do sector financeiro” no que atinxe ás caixas de aforro.
3. Reclamar do Goberno da Xunta de Galiza a que defenda as competencias estatutarias de Galiza, actuando decididamente para evitar que o proceso de reestruturación das caixas de aforro galegas leve aparellada a entrada de capital privado nos seus órganos de decisión e a transformación nun banco privado.
4. Expresar o compromiso inequívoco en manter o vixente modelo de caixas de aforro, con vocación social e vinculación territorial, e demandar dos Gobernos central e galego que eviten calquera tentativa para que as caixas de aforros sexan alleadas en favor da banca privada e do capital financeiro.