Nota de prensa
Achegas de ADEGA ao Plano Hidrolóxico Galiza-Costa
18 de febreiro de 2010. ADEGA vén de rexistrar as Alegacións ao_PHGC (bacías competencia da Xunta) cuxo borrador apresenta importantes eivas. As nosas propostas céntranse en corrixir o déficit de iniciativas de restauración de ecosistemas fluviais; en recuperar o dominio público; poñer punto final aos aproveitamentos hidroeléctricos; revisar os caudais ecolóxicos; reformular as prioridades nos usos da auga; alongar as zonas húmidas e treitos fluviais protexidos; promover a participación cidadá, a Educación Ambiental e a custodia e, como non, orzamentar axeitadamente todas estas actuacións. O novo Plano Hidrolóxico debería supoñer unha viraxe respecto ás políticas caducas e insustentábeis do pasado, responsábeis do deterioro que sofren moitos ecosistemas acuáticos. Veremos se os responsábeis daquelas políticas nefastas, os mesmos que agora deben corrixilas, serán quen de enmendar os seus erros ou o PHGC será, como as DOT ou o POL, outra oportunidade perdida.
ALEGACIÓNS ao PLANO HIDROLÓXICO GALIZA-COSTA
1. Encol da planificación hidrolóxica e dos planos de recuperación dos ecosistemas húmidos:
1.1 Baseándonos nos criterios e indicadores contidos na Directiva Marco da Auga (en diante DMA) o Plano Hidrolóxico, coa fin de garantir o bo estado das masas de auga superficiais, debería incluir para cada subsistema fluvial, os seguintes instrumentos de planificación:
a) Un Plano de Restauración dos ecosistemas fluviais e masas de auga superficiais no que atinxe aos indicadores de calidade hidromorfolóxicos, fisico-químicos e biolóxicos, coa fin de devolver o bo estado ecolóxico ás masas de auga con graves alteracións.
No caso dos cursos fluviais, este plano de restauración incidirá tamén na recuperación do réxime hidrolóxico natural e da continuidade do río, eliminando os obstáculos para permitir que as especies acuáticas migratorias teñan acceso a toda a bacía hidrográfica, ou cando menos a unha parte significativa desta. A este respeito, no PHGC non existe un inventario de obstáculos nen están avaliados os efectos sinérxicos dunha sucesión destes nos cursos fluviais. Cando menos, e consonte ao expresado nas súas consideracións por AEMS-Ríos, propomos que, alén de inventariar os obstáculos por tipoloxía, usos e grao de atranco, establézase como obxectivo acadar a máxima permeabilidade en todos os ríos, e particularmente nos seguintes: Xunco; Landro; Sor; Mera e o seu principal afluente, o Pulgueira; Xubia e o seu principal afluente, o Castro; Eume e o seu principal afluente no treiro accesible, o Parrote; Lambre; Mandeo; Mendo; Mero; Anllóns; río Grande de Baio; río Castro de Lires; Santa Baia; Vilacoba; ríos Coroño, Beluso e Te; Deza; Umia; Lérez; Verduxo.
b) Un Plano de Mellora Integral dos ecosistemas fluviais orientado á prevención da contaminación difusa provinte das actividades agrogandeiras. Nas zonas con alta incidencia destas actividades é fundamental a criazón de bandas de protección e amortecemento da escorrentía nas beiras dos ríos, mediante a implantación de filtros verdes que preveñan no posíbel as afeccións causadas pola contaminación difusa provinte destas actividades.
c) Un Plano de Restauración de Humidais e de restauración hidrolóxico-forestal das bacías, orientado a minimizar os riscos e afeccións dos incendios forestais, optando por solucións que minimicen os arrastres e perdas de solo, contribúan a regular de forma natural as enchentes e garantan a recarga natural dos de acuíferos.
d) Un Plano de Saneamento dos cursos fluviais e masas de auga superficiais para conquerir depuración integral das verteduras urbanas e industriais, potenciando as alternativas de tipo natural (zonas húmidas construídas, filtros verdes e outras tecnoloxías brandas, descentralizadas e de baixo consumo) sobre os sistemas centralizados. Neste plano deberiase prestar atención prioritaria á prevención da contaminación en orixe en relación ao tratamento, fomentando tamén unha reutilización da augas máis intensa. Neste senso, os obxectivos de reutilización expostos no PHGC (1m3 por habitante-equivalente e ano para o periodo 2015-2017) son claramente insuficientes.
1.2 Alén disto, a rede de vixilancia e control do estado ecolóxico dos ríos deberá ampliarse significativamente, seguindo as recomendacións da DMA e contando coas diferentes equipas e estacións de investigación existentes en Galiza e coa colaboración dos proxectos de voluntariado ambiental nos que participación activa da cidadanía serve como elemento de vixilancia e disuasión.
1.3 Asemade, deberá ser unha prioridade deste PHGC a realización do deslinde do Dominio Público Hidráulico (en diante DPH) para evitar a ocupación das zonas húmidas e chairas de inundación por actividades lesivas e incompatíbeis co mantemento das súas funcións ecosociais, e para permitir desenvolver as necesarias medidas de protección e recuperación ambiental, rematando co actual estado de improvisación e inseguridade xurídica.
2. Encol das concesións hidráulicas e dos aproveitamentos hidroeléctricos:
2.1 O PHGC debe reflectir a paralización dos novos aproveitamentos hidroeléctricos acordada polo Parlamento de Galiza e, en consecuencia, suprimir do documento as referenzas á construción das 33 minicentrais actualmente en fase de consulta, alén de desbotar a construción das que ficaron paralizadas polo decreto 555/2005.
2.2 O PHGC debe declarar aos ríos galegos como zonas libres de novos aproveitamentos hidroeléctricos, xa que estes son os responsábeis das principais afeccións aos ríos e da deterioración do seu estado ecolóxico, consonte ás conclusións do borrador do PHGC e o recolido no Preámbulo da Lei 5/2006, do 30 de xuño, para a protección, a conservación e a mellora dos ríos galegos.
2.3 Iniciar os expedientes de caducidade, revisión ou rescate dos dereitos concesionais daqueles aproveitamentos que incidan na deterioración do bo estado ecolóxico das masas de auga e impidan a consecución en prazo dos obxectivos fixados pola DMA. A finalidade deberá ser restaurar as masas de auga ao seu estado natural, incluíndo se fose necesario o desmantelamento das infraestruturas hidráulicas.
2.4 Para as novas concesións (p. ex. captacións agrícolas, industriais e urbanas, aproveitamentos acuícolas) a administración hidráulica establecerá un procedemento de autorización en base a créditos, de xeito que cando aconteza un número determinado de incumprimentos ou non conformidades coas condicións concesionais que esgote ditos créditos, resultará a caducidade de oficio por parte do organismo xestor.
2.5 Todas as concesións deberán axustarse periódicamente aos avanzos científicos, adaptándose ás millores técnicas posíbeis, sen xerar dereito algún a indemnización polo cumprimento desta obriga. Asemade, tanto as actuais como as futuras concesións deberán garantir mediante avais financeiros o cumprimento das obrigas de reposición do dominio público que conleve a extinción da concesión.
3. Encol dos caudais ecolóxicos:
3.1 O PHGC non debería aprobarse sen incluir unha nova proposta de caudais ecolóxicos para todos os cursos fluviais segundo o estudo actualmente en elaboración, por canto o propio borrador aponta como insuficientes os datos dos que se dispón actualmente e o actual sistema de cálculo baseado no 10% do caudal medio anual non resposta a ningún criterio científico. O réxime dos novos caudais ecolóxicos atenderá aos requerimentos da DMA, estará definido específicamente para cada sistema e como mínimo deberá incluir:
a) Determinación dos caudais mínimos que deben ser superados, e a súa temporalización.
b) Determinación dos caudais máximos que non deben ser superados, e a súa temporalización.
c) Determinación dos caudais de enchente, avenida habitual ou xerador de leito augas abaixo das infraestruturas de regulamento.
d) Taxa de cambio máxima, augas abaixo das infraestruturas de regulamento.
3.2 Todas as concesións existentes deberán adaptarse aos novos caudais ecolóxicos establecidos específicamente para cada sistema fluvial en base a ás novas determinacións que incorporen as directrices da DMA denantes de 2015..
3.3 A administración vixiará o cumprimento dos caudais ecolóxicos establecidos para cada aproveitamento através de sistemas de control e verificación con cargo ao concesionario. Os datos resultantes das medicións terán carácter público e o acceso será libre e gratuito, por canto o concesionario realiza un uso privativo dun recurso público. O incumprimento dos caudais ecolóxicos carrexará de oficio a declaración de caducidade da concesión.
4. Encol dos usos e demandas da auga:
4.1. As diferentes actuacións relacionadas coa auga e os ríos basearanse nos principios de xestión da demanda, recuperación de custos e consideración da auga e os ríos como un activo ecosocial. En consecuencia deberán establecerse dotacións de recurso de referenza, atendendo a criterios de dispoñibilidade, eficiencia e racionalidade no uso, e compatibilidade cos obxectivos ambientais de non deterioración e recuperación do bo estado das augas. En todo caso as dotacións de referenza serán aquelas que garantan a satisfacción das necesidades básicas das persoas, non superando os 150 l/hab e día para usos domésticos urbanos, ou as que deriven da aplicación das mellores tecnoloxías dispoñibeis no referido aos usos agrogandeiro e industrial. A este respecto, non se autorizarán concesións, captacións de recurso, verteduras ou calisquer outro uso que supere as dotacións de referenza ou cause efectos negativos no medio fluvial.
4.2 Entendemos que a preferenza de usos está distorsionada no tocante á consideración destes: por unha banda, asimílanse usos agrogandeiros e industriais cun consumo inferior a 2000 m3/ano natural aos usos urbanos, en troques de facelo aos regadíos/usos agrarios e a outros usos industriais, respectivamente. Por outra, entendemos que os aproveitamentos hidroeléctricos, en particular a mini-hidráulica, dada a súa alta incidencia na degradación da calidade ecolóxica dos ríos e case residual aportación no mix eléctrico (arredor dun 2%) non deberían antepoñerse a outros, particularmente aos ecosociais (mantemento do equilibrio dos ecosistemas, amortecemento dos efectos do cambio climático, usos recreativos, culturais, etc.) que benefician a toda a sociedade e teñen maior potencial para xerar maior valor engadido e mesmo emprego.
4.3 Porén, en coerencia coas directrices da DMA e as esixencias de protección e conservación do recurso e o ecosistema (que ten como punto de partida, mais non suficiente, o caudal ecolóxico) e atendendo á particular situación das bacías galegas, sobreexplotadas e degradadas polos aproveitamentos hidroeléctricos, popoñemos a seguinte orde de preferenza de usos no PHGC:
-Abastecemento da poboación.
-Usos agrarios e agrogandeiros.
-Usos industriais agás produción de enerxía eléctrica.
-Usos recreativos e culturais.
-Usos acuícolas.
-Navegación e transporte acuático.
-Usos relacionados coa producción de enerxía eléctrica.
-Outros usos.
5. Encol das zonas húmidas de interese natural e a protección integral dos ecosistemas húmidos:
5.1 A proposta de declarar 7 masas de auga como Reservas Naturais Fluviais contida neste PHGC é manifestamente insuficiente atendendo ao número, diversidade e representatividade das masas de auga no país. Xa no primeiro inventario dos humidais galegos presentado pola administración en 2007, superábanse os 1100. Asemade, os espazos húmidos protexidos debarán abranguer, alén dos cursos fluviais e augas libres, outros hábitats coa consideración de humidal (por exemplo as turbeiras) así como os bosques de cabeceira e ribeira, polo seu papel regulador da recarga. As reservas naturais fluviais e os hunidais protexidos xestionarianse cos mesmos criterios que os espazos integrados na Rede Natura 2000 (redacción dun Plano Director e de Planos de Conservación/Xestión).
5.2 O PHGC elaborará un documento de referenza que catalogue e cuantifique a biodiversidade fluvial, con vistas eo desenvolvemento de estratexias de conservación e planos de recuperación dos ecosistemas acuáticos. Asemade, as especies ameazadas vencelladas ás masas de auga e os organismos exóticos e invasores serán obxecto de planos de conservación/recuperación e control/erradicación, respectivamente. Neste senso, o PHGC debería contemplar a posta en marcha daqueles planos de xestión (conservación/recuperación) das especies amezadas xa rematados, en fase de redacción ou licitados nos exercicios de 2006 e 2007, para os seguintes taxóns vencellados aos humidais e aos seus hábitats: auganeira (Galemys pyrenaicus); escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus subsp. lusitanica); salamántiga rabilonga (Chiolglossa lusitanica); estroza (Hyla arborea); sapo de esporónns (Pelobates cultripes); ra patilonga (Rana iberica); ra vermella (Rana temporaria subsp. parvipalmata); esgonzo ibérico (Chalcides bedriagai); mexilón de río (Margaritifera margaritifera) e caranguexo de río autóctono (Austropotamobius pallipes).
6. Encol da participación cidadá, educación e voluntariado ambiental
6.1 O PHGC deberá contar un plano de Educación Ambiental (en diante EA) relacionado cos usos doméstico, industrial e agrogandeiro de auga, priorizando a redución no consumo de auga e a prevención da contaminación, dacordo coas liñas e pautas definidas na Estratexia Galega de Educación Ambiental (EGEA), coa finalidade de comezar a construír unha nova cultura da auga.
6.2 O PHGC deberá incluir un Plano de Voluntariado Ambiental en ríos, para favorecer a participación activa da cidadanía na conservación e mellora dos ecosistemas fluviais.
6.3. Tamén no tocante á EA, prestarase atención á problemática das especies invasoras, elaborando un plan de concienciación dirixido tanto ao público en xeral como a sectores chave, entre os que se atopan o turismo, comercio, transporte, etc.
6.4 A administración hidráulica garantirá a participación efectiva da cidadanía tanto nos procesos de elaboración dos planos hidrolóxicos, de bacía e sectoais relacionados coa xestión da auga, como nos procesos de autorización de cada infraestructura, plano, programa ou proxecto. Arbitraranse vías para a participación efectiva das poboacións locais na toma de decisión sobre proxectos que afecten ao seu territorio, incluído o dereito a referendo.
7. Encol da planificación económica:
7.1. Todos os planos, instrumentos de planificación e xestión hidrolóxica e medidas propostas nos apartados anteriores deberán contar cunha partida orzamentaria propia e unha memoria económica que detalle e temporalice os investimentos, incluido o financiamento da extinción ou recuperación das concesións responsábeis de graves alteracións en moitos sistemas fluviais e que non poidan conquerirse mediante expedientes de caducidade.
7.2 O deslinde do DPH deberá contar cunha partida orzamentaria propia e unha axeitada temporalización de xeito que esté completado no horizonte de aplicación da DMA.
7.3 O borrador do PHGC non contempla financiamento para actuacións de conservación da natureza no periodo 2011-2015. Este inexplicable esquecemento non permitirá desenvolver estratexias de conservación e recuperación da nosa biodiversidade fluvial (millora de especies amezasas, loita contra as invasoras…), polo que deberá subsanarse no documento definitivo.
7.4 O PHGC deberá contar proxectos de Educación Ambiental e custodia fluvial, ausentes deste borrador, que serán obxecto de financiamento específico e beneficios fiscais por canto asumen parte da responsabilidade da administración no coidado, millora e conservacion dos ecosistemas húmidos.