Nota de prensa:
ALFREDO LLANO AGARDA QUE A FERIA MONOGRÁFICA NÁUTICO PESQUEIRA EXPOMAR CONTE CUNS 70 EXPOSITORES. A XIV EDICIÓN DESTE EVENTO DESENVOLVERÁSE DO 19 AO 22 DE MAIO.
Burela, 17 de febreiro de 2011. O alcalde de Burela e presidente da Fundación Expomar, Alfredo Llano, agarda que a feira monográfica náutico pesqueira a celebrar do 19 ao 22 de maio conte cuns 70 expositores. Ata o momento xa están confirmados 51.
Llano sinalou que “onte tivemos unha xuntanza na Fundación Expomar para ir analizando a feira que se celebrará do 19 ao 22 de maio. Xa temos 51 expositores garantizados, o noso propósito é alcanzar como mínimo 70 polo que aínda hai tempo para ir conseguíndoos. Virá xente doutros países para que a feira sexa o máis variada e completa posible e sirva para o propósito que ten encomendado”.
O rexedor e presidente de Expomar relatou que “tamén falamos das xornadas técnicas e do encontro empresarial. As xornadas serán os días 19 e 20 e abordarán os temas que estean de actualidade no momento da súa celebración, barallamos varios e algún dos que se analizará o regulamento central e normas de desenvolvemento, e artes e aparellos. Queremos convidar a algún departamento científico para que expliquen certas cuestións que preocupan ao sector. Noutras sucesivas xuntanzas seguiremos analizando o programa e consolidando o que queremos facer”.
Alfredo Llano considera que “si acadamos os 70 expositores, a pesares da crise que tamén vive o sector, a XIV Feria Expomar será un éxito absoluto. Agardamos que a metade do vindeiro mes de marzo estea xa o programa listo”.