Nota de prensa
A deputada lamenta que a Deputación tardara 73 días en asinar o convenio e cualifica de “infantil” que dilatara a sinatura “ata que estivo en disposición de empezar os traballos” que lle corresponden
EMMA ÁLVAREZ RESALTA QUE O INICIO DAS OBRAS NAS PISTAS DA CONCENTRACIÓN PARCELARIA VAL DE ALFOZ DEMOSTRA QUE O GOBERNO DE FEIJÓO CUMPRE OS SEUS COMPROMISOS
* A parlamentaria do Grupo Popular lembra que presentou unha iniciativa no Parlamento para axilizar o arranxo dos viais, que foi aprobada o pasado 4 de febreiro, polo que a rexistrada posteriormente pola deputada socialista Sonia Verdes “carece de sentido”.
Santiago, 15 de febreiro de 2011.- A deputada do Grupo Popular Emma Álvarez Chao resalta que o inicio das obras de asfaltado nas pistas da concentración parcelaria Val de Alfoz, en Foz, demostra que o Goberno de Feijóo cumpre os seus compromisos. A Xunta de Galicia empezou onte as ditas obras, unha vez que a Deputación de Lugo asinou o pasado día 9 o convenio redactado polos membros da Consellería de Medio Rural e aprobado no Pleno da Deputación o 29 de novembro do pasado ano.-
A deputada lamenta que a Deputación tardara 73 días en asinar o convenio e cualifica de “infantil” que dilatara a sinatura “ata que estivo en disposición de empezar os traballos” que lle corresponden. Fronte á “responsabilidade demostrada polo Goberno galego, que estaba pendente de que a Deputación Provincial asinara o convenio para poder iniciar unhas obras reiteradamente demandadas polos veciños”, os populares consideran que a Administración provincial actuou “dun xeito infantil” ao retrasar a dita sinatura ata a mesma data na que “trouxo as súas máquinas para empezar a asfaltar”. Para Álvarez Chao, “parece que o único afán da Deputación foi o de intentar desmotrarlles aos veciños que empezaba antes que a Xunta”.
AXILIZAR O ARRANXO DOS VIAIS
Pola contra, para o PPdeG o importante era que ambas administracións “axilizaran as obras para que os veciños puideran ver arranxadas as vías de comunicación entre as principais parroquias, que levaban meses en estado penoso”.
A parlamentaria do Grupo Popular lembra que presentou unha iniciativa no Parlamento para axilizar o arranxo dos viais, que foi aprobada o pasado 4 de febreiro, polo que a rexistrada posteriormente pola deputada socialista Sonia Verdes “carece de sentido”, ademais de que “non se pode rematar a concentración parcelaria por debaixo dos prazos legais”.
O obxectivo da iniciativa dos populares era que os prazos legais foran o máis curtos posible “para que os propietarios afectados poidan disfrutar no menor tempo da nova distribución das 1.667 hectáreas que comprende esta concentración parcelaria”.