Nota de prensa:
CERVO APOSTA POLA PROMOCIÓN DO GALEGO COA INCLUSIÓN DO MUNICIPIO Á REDE DE DINAMIZACIÓN LINGÜÍSTICA
* Alfonso Villares adiantou que o Concello adherirase á Rede de Dinamización Lingüística despois de reunirse o pasado venres no consistorio co secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, quen lle presentou este proxecto da Xunta de Galicia
Cervo, 7 de febreiro de 2011.- O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo Suárez, visitou o pasado venres o concello de Cervo para presentarlle ao alcalde, Alfonso Villares, a Rede de Dinamización Lingüística que está a poñer en marcha a Xunta de Galicia e para proporlle que Cervo se adhira a ela.
Segundo indicou o rexedor, na xuntanza o responsable de Política Lingüística explicoulle que dita rede nace coa finalidade de promover a coordinación das actuacións en materia de dinamización lingüística, de optimizar os recursos e de aumentar a efectividade das mesmas dende o ámbito municipal. Deste xeito, os concellos poderán participar activamente nos programas da rede e, polo tanto, contarán con actividades que se programen desde ela, sen prexuízo das que promovan por iniciativa propia. Así mesmo, daráselles unha visibilidade global ás actividades, de maneira que a súa actuación logrará unha repercusión para toda Galicia.
Favorecer o fomento do uso do galego desde o ámbito local
Ao fío disto Alfonso Villares adiantou que o Concello de Cervo iniciará os trámites para a súa adhesión a esta iniciativa e incidiu na importancia de que as administracións local e autonómica unan esforzos a prol dun obxectivo común: promover as accións de difusión social do uso do galego. Con este fin, “a Rede de Dinamización Lingüística preséntase como o mellor escenario para acometer esta tarefa conxunta”, asegurou. Villares dixo tamén que no Concello de Cervo son conscientes de que as entidades locais de Galicia desenvolven unha importante labor como axentes sociais da dinamización da lingua galega, por seren as entidades máis próximas á cidadanía “e por ese mesmo motivo entendimos dun xeito favorable esta proposta que se nos fixo dende a Xunta de Galicia” recalcou.
A Rede de Dinamización Lingüística é unha asociación voluntaria de entidades con competencia na promoción da lingua galega, promovida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Trátase dunha iniciativa que busca favorecer a colaboración, a coordinación e as accións de fomento do uso do galego desde o ámbito local.