Nota de prensa
AS CRÍTICAS DE MÉNDEZ SOBRE A RESIDENCIA E A PRAZA DOS CAMPOS REFLICTEN O GRAO DE DESINFORMACIÓN DOS SOCIALISTAS
*
A concelleira de Asuntos Sociais lembralle á voceira socialista que a nova Residencia e Centro de Día terá o dobre de superficie que as dependencias educativas do antigo colexio Rivera Casás
Cervo, 5 de febreiro de 2011.- Para a concelleira de Asuntos Sociais do Concello de Cervo, Pilar Armada, as criticas da voceira socialista, Lara Méndez, en torno ás obras da residencia de maiores e da praza dos Campos de San Ciprián “fan gala do seu grao de ignorancia e de desinformación ao que xa nos teñen acostumados os socialistas cando fan declaracións públicas criticando a labor do equipo de Goberno”.
En opinión de Armada, se a voceira socialista e vicepresidenta segunda da Deputación acudira onte ó acto da colocación da primeira pedra desta nova infraestrutura “escoitaría unha vez máis da boca do noso alcalde cales foron as razóns que nos moveron para elixir esta ubicación” indicou.
“Se ela estivera alí presente, podería escoitar que a futura superficie construída deste ambicioso proxecto -con capacidade para 53 residentes e 25 de Centro de Día- será o dobre da que se dispoñía nas dependencias educativas do antigo colexio Rivera Casás. Con esas declaracións parece coma se preferiran [os socialistas] ter unha residencia a metade de grande que a que se vai facer finalmente” recalcou a edil do grupo de Goberno cervense.
Armada Carrete rexeitou tamén as criticas de Méndez polo atraso do inicio das obras da residencia. “Se se refire a que nos catro anos do bipartito os responsables na Xunta non fixeron nada para que Cervo tivera unha residencia de maiores, estou de acordo con ela. O que está claro é que en apenas dous anos de Goberno do Partido Popular na Xunta non só conseguimos o compromiso do Goberno autonómico para facer unha residencia destas características; se non que logramos que as obras estean xa en marcha, algo impensable na época na que eles gobernaban” indicou.
Para que serve unha praza
Sobre as criticas de celeridade nos traballos na Praza dos Campos, Armada amosouse indiferente: “Non me estraña que digan iso. En certo modo é hasta normal porque eles [os socialistas] foron sempre especialistas en paralizar obras en Cervo cando gobernaron no bipartito. Así foi o que aconteceu co pavillón de Galdín, e agora, o que pasa é que non poden soportar que no concello se fagan cousas grazas á boa xestión do Grupo de Goberno e coa estreita colaboración da Xunta de Galicia” recalcou a responsable da área de Asuntos Sociais.
Por último, a concelleira popular tamén se referiu ás declaracións de Lara Méndez poñendo en dúbida a funcionalidade da Praza dos Campos. “Que unha concelleira e vicepresidenta dunha institución pública diga abertamente descoñecer cal é a función dunha praza pública reflicte claramente o seu grao de coñecemento e de interese polos temas da veciñanza. Se a señora Méndez di non saber para que vai servir a Praza dos Campos non é máis que pola súa deixadez e ignorancia; posto que ten acceso ao expediente deste proxecto. Outra cousa é que realmente teña interese en informarse” sinalou Armada.