Nota de prensa
ISAAC DÍAZ PARDO SERÁ NOMEADO FILLO ADOPTIVO O VINDEIRO 25 DE FEBREIRO NUN PLENO EXTRAORDINARIO
* O Concello fai un chamamento invitando a todas aquelas persoas, entidades, asociacións e colectivos da comarca, Galicia e resto de España para que se adhiran a esta homenaxe de xeito oficial.
* Os que desexen facelo poden dirixir un telegrama ao Concello de Cervo ou escribir un mail ao seguinte correo electrónico: secretaria.de.alcaldia@concellodecervo.com
Cervo, 5 de febreiro de 2011.- O alcalde de Cervo confirmou hoxe a celebración o vindeiro venres, 25 de febreiro, dun Pleno Extraordinario de Honra para celebrar o acto de nomeamento de fillo adoptivo do Concello de Cervo ao intelectual Isaac Díaz Pardo.
Segundo indicou o rexedor, a data elixida foi consensuada co propio homenaxeado. “Mantivemos varias conversas telefónicas e ao final elixiuse o día 25 porque era a data que mellor lle viña ao señor Díaz Pardo”. Villares sinalou tamén que, ao marxe da cerimonia oficial, o acto do vindeiro día 25 pretende ser “a materialización do recoñecemento público de tódolos veciños e veciñas do concello a un persoeiro que forma parte da historia viva de Cervo e que foi protagonista directo dos cambios e logros acadados por este municipio no último século”.
Adhesións
Villares fixo un chamamento invitando a todas aquelas persoas, entidades, asociacións e colectivos galegos, mariñáns e do resto do Estado para que se adhiran a esta homenaxe de xeito oficial. Os que así desexen facelo poden dirixir un telegrama ao Concello de Cervo ou escribir un mail ao seguinte correo electrónico: secretaria.de.alcaldia@concellodecervo.com adheríndose ao homenaxe facendo constar o nome completo (no caso de facelo de xeito individual) ou o nome da asociación, institución ou colectivo. “Confiamos en que sexan moitas as persoas, colectivos, asociacións e institucións as que manden a súa comunicación de adhesión a este nomeamento, porque será unha forma de transmitirlle o noso cariño e respecto a Don Isaac Díaz Pardo” recalcou o alcalde.
O proceso para nomear a Díaz Pardo fillo adoptivo arrincou a finais do 2009, coa entrada en vigor do regulamento especial de honras e distincións municipal. A partir desa data comezouse a elaborar a documentación do expediente para a concesión do devandito galardón.
En maio pasado esta documentación foi posta a disposición dos distintos colectivos e asociacións do municipio para que fixeran achegas ou emendas ao seu contido. Finalmente, e tralo apoio das asociacións asistentes a esta reunión (“Aventados”, “Mulleres de San Ciprián”, “CIT-San Ciprián”, Anpa Cervo Nº1, Asociación de Veciños de Cervo-Sargadelos, Club Deportivo San Ciprián, Asociación Cultural “A Sombriza”, Amas de casa “Alborada”, Asociación “Mar de San Ciprián”, Asociación de Vecinos de Lieiro e Asociación de Montes de Lieiro) o 25 de xuño pasado acordouse nunha sesión plenaria nomear a Francisco Rivera Casás e Isaac Díaz Pardo como fillos adoptivos do Concello de Cervo.