Nota de prensa:
A Deputación executará 11 obras por valor de 2 M€ coas que dá traballo a máis de 300 persoas na provincia
– A Xunta de goberno aprobou a contratación destas actuacións que se levarán a cabo nos Concellos de Becerreá, Carballedo, Fonsagrada, Burela e Monforte
– Antonio Gato subliña que, ante a ausencia de políticas activas de emprego da administración autonómica, a Deputación está suplindo á Xunta, “xa que daremos traballo de forma inmediata a máis de 1.400 persoas coa oferta laboral que temos aberta nestes momentos”
– O organismo provincial presentará o vindeiro xoves o Sistema de Información Xeográfica, creado no marco do programa Lug02, e que será “google medioambiental da provincia”
A Xunta de Goberno da Deputación aprobou este venres a contratación de 11 novas obras en 5 Concellos por valor de 2 millóns de euros coas que non só seguirá aumentando a obra pública na provincia, concretamente nos municipios de Becerreá, Carballedo, Fonsagrada, Burela e Monforte de Lemos, senón que contribuirá a manter os postos de traballo existentes na provincia e, por tanto, a reducir o paro. O voceiro provincial socialista, Antonio Gato Soengas, subliñou que só coas actuacións que hoxe estanse mantendo 330 postos de traballo, xa que en cada actuación están traballando unha media de 30 persoas”. Neste senso, Antonio Gato explicou que o organismo provincial está suplindo claramente á Xunta de Galicia, a administración que ten claras competencias na materia, “xa que Feijóo non está a investir nada na provincia, de aí o aumento do paro. A administración autonómica está ausente neste asunto”.
A este respecto, o voceiro provincial socialista fixo referencia ós últimos datos sobre o paro, que revelan que Galicia destruíu máis emprego que o resto do Estado por quinto mes consecutivo, de tal xeito que ningunha outra Comunidade española presenta uns datos tan negativos no seu respectivo mercado laboral. Asimesmo, Lugo pechou a anualidade pasada cun incremento do desemprego de máis do 10%. “Pola contra, dende a Deputación estamos a realizar un esforzo neste eido. En total, daremos traballo de forma inmediata a máis de 1.400 persoas coa oferta de emprego que temos aberta nestes momentos, a través de Plans como Lugo Emprega, o Pacto Provincial polo Emprego, a convocatoria do persoal que comezará a traballar o 1 de maio nos parques de bombeiros, e as máis de 120 persoas que traballarán nas residencias da terceira idade e nos centros de día que construirá SUPLUSA en dez Concellos”. En total, con estas actuacións o organismo provincial destina máis de 15 millóns de euros á creación de traballo na provincia.
As obras que se contrataron son as seguintes: dentro dos convenios do Fondo Complementario do Plan Extraordinario de Obra Pública, inclúense as de Becerreá, que suman 1 millón de euros (acondicionamento de vías municipais; construción do campo de tiro; e acondicionamento e dotación de servizos nas rúas Samuel e Barrancón); en Burela: a mellora do alumeado público e dotación de mobiliario urbano nas rúas Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán, Praza da Mariña, Manuel Murguía e na Avenida Arcadio Pardiñas por valor de 597.502 euros; e, en Monforte de Lemos: a mellora de infraestruturas viarias, urbanas e rurais e rehabilitación da antiga escola da Penela para centro sociocultural, e acondicionamento das igrexas de Marcelle e Piñeira e mellora de varias infraestruturas viárias. Neste caso, o importe é de 350.924 euros.
Dentro do Canon, acometerase a rexeneración de dúas estradas de Carballedo, que teñen un orzamento de 154.311 euros: a que vai de Vila por Carto e Morgade a Outeiro, e a que enlaza Cambillán con Airoa. Con cargo a este Plan, en Fonsagrada, executarase o acondicionamento do acceso a Cabanas por valor de 90.586 euros.
“O Google medioambiental da provincia”
Fóra da Orde do Día aprobouse a ampliación do Sistema de Información Xeográfica (SIX) que a Deputación presentará o próximo xoves 16 de febreiro no Centro de Interpretación Terras do Miño; acto ó que están convidados todos os centros hostaleiros da provincia, casas de turismo rural, etc.
Esta iniciativa, que “será o Google medioambiental da provincia”, creouse no marco do Lug02; o programa europeo dotado con 5 millóns de euros e co que o organismo provincial demostrou que o medio ambiente é a oportunidade económica da provincia. “Xa temos comprometido o 98% do orzamento total, de xeito que o grado de execución é altísimo. Precisamente, o Ministerio de Medio Ambiente vén de felicitarnos pola xestión levada a cabo ata o momento”.
A través do SIX, a Deputación porá a disposición dos cidadáns un portal web informativo e multimedia de todos os recursos de interese existentes nas tres Reservas da Biosfera (Terras do Miño, Ancares e Río Eo-Oscos-Terras de Burón) e Courel. Este Sistema inclúe información territorial que poderá descargarse en dispositivos móbiles (tipo PDA, XPS ou teléfono móbil) para que o turista ou os veciños poidan consultala en calquera punto. Proporcionará información ambiental e cultural como rutas de sendeirismo, ciclismo, establecementos hostaleiros, meteoroloxía, eventos festivos, etc. Realizarase, como mínimo, en castelán, galego, inglés e portugués dada a tipoloxía dos visitantes que elixen a nosa provincia como lugar de destino turístico. Segundo datos do Instituto Galego de Estadística, aparte de Galicia, a maioría proceden de: España, Alemaña, Francia, Portugal, Reino Unido. Ademais coa ampliación, incluirá os seguintes datos: feiras de toda a provincia; adegas e recursos enolóxicos; poboación clasificada segundo datos do INE; datos económicos por Concellos segundo datos da Deputación e do Instituto Nacional de Estatística; investimentos, gastos e obras desenvolvidas pola Deputación clasificados por capítulos e Concellos; ou datos e ubicacións de servizos específicos do organismo provincial distribuídos pola provincia, como o servizo de bombeiros, recadación, etc. Tamén se ampliará a cartografía coa inclusión das 127 rutas de Km0.