Nota de prensa:
O CONCELLO PRESENTARÁ ALEGACIÓNS AO INFORME PREVIO Á APROBACIÓN INICIAL DO PXOM EMITIDO NAS ÚLTIMAS HORAS POLA XUNTA. O EQUIPO DE GOBERNO NON ESTÁ DE ACORDO COAS CONSIDERACIÓNS REALIZADAS SOBRE O CRECEMENTO DE BURELA E SOBRE A ETAP.
Burela, 3 de febreiro de 2011. O Concello presentará alegacións ao informe previo á aprobación inicial do PXOM emitido nas últimas horas pola Xunta, segundo anunciou hoxe o alcalde, Alfredo Llano. O equipo de goberno non está de acordo coas consideracións efectuadas sobre o crecemento de Burela e sobre a ETAP.
O rexedor confirmou que “acabamos de recibir o informe previo á aprobación inicial do PXOM do noso concello. É un informe que ven facer un resume e unhas propostas do noso documento, que presentamos en setembro xa na Xunta de xeito definitivo para ser informado”. E recoñeceu que “a Xunta fixo a valoración con prontitude”.
Llano explicou que “hai unha serie de consideracións coas que nós non podemos estar de acordo porque veñen a correxir ou a insinuar que non se vai medrar tanto como nós propoñemos no noso concello. Existe unha cuestión na ETAP, xa que non se contempla que melloramos e que imos dar abastecemento á poboación que nós consideramos que pode haber dentro de bastantes anos. Non recollen que agora mesmo pode poñerse a funcionar a ETAP da Senra que compartiremos Cervo e Burela e aí existe unha garantía e un caudal maior do que se está a recibir agora”. O alcalde de Burela seguiu a relatar que “dan por suposto que tampouco existen instalacións que fan do lugar como consolidado, dado que temos os servizos tanto de depuración, como de residuais, como do abastecemento de auga… hai unha serie de cuestións que temos que aclarar con eles, paréceme que non existe unha coordinación completa ou que hai unha valoración que non se corresponde coa a realidade que nós quixemos plasmar no plan xeral de ordenación municipal”.
O equipo de goberno enviará “o máis rápido posible aquelas alegacións que presentaremos para que o PXOM sexa informado definitivamente e poidamos poñelo xa a exposición pública. Esperemos que no prazo de dous ou tres meses estivese xa en marcha”. Alfredo Llano avogou por achegar posturas “e hai que analizar a información que enviamos no seu día, hai que volver a discutilo. Tamén solicita a aplicación de diversas normativas, que ao mellor cando se desenvolveu o PXOM non existían e sí que hai que desenvolvelas”.