Nota de prensa:
Once Concellos estrean a Administración Electrónica grazas á Deputación
– Os veciños poden facer inicialmente 30 trámites vía Internet pero o programa Innova-TE prevé 50 máis antes de xullo, o que supón un importante aforro de diñeiro e tempo
– Sete dos municipios activaron tamén hoxe unha nova web, modernizadas grazas ó programa tecnolóxico do organismo provincial
– Besteiro anuncia que en marzo a Deputación comezará a entregar equipos informáticos ós Concellos máis implicados na administración electrónica
O Presidente da Deputación de Lugo -José Ramón Gómez Besteiro- presentou este mércores a posta en marcha da Administración Electrónica en once concellos da provincia, o primeiro grupo dos 51 municipios adheridos ó programa tecnolóxico Innova-TE en activar este servizo, que permitirá unha relación máis fluída cos cidadáns, ademais dun importante aforro de diñeiro e tempo. Ademais de Chantada, onde participou no acto o Alcalde -Manuel Anxo Taboada-, a e-Administración comezou hoxe a funcionar en: Becerreá, Burela, Portomarín, Sober, A Pastoriza, Abadín, Foz, A Pobra do Brollón, Sarria e Vilalba, “municipios de diferentes cores políticas, o que dá conta do carácter integrador deste programa”, subliñou Besteiro. Neste senso, destacou que “dito rapidamente, máis dun cento de cousas que había que facer no Concello, xa se están podendo facer a través da Rede co Innova-TE”.
Inicialmente, a cidadanía xa pode facer 30 trámites con estas entidades locais, como darse de alta no servizo de subministro de auga e sumidoiros, facer unha reserva de cita para voda civil no Concello ou inscribirse no rexistro de parellas de feito, anotarse nunha bolsa de traballo, eventos, solicitar a inscrición no padrón municipal, facer avisos, queixas e suxerencias ou mesmo realizar diversos tipos de consulta, como, por exemplo, do censo electoral, ordenanzas, bandos ou actas plenarias, entre outras.
O máximo mandatario provincial agradeceu o traballo dos funcionarios de Chantada presentes no acto, “xa que isto non funciona só porque poñamos medios técnicos, sen a alianza dos empregados públicos non tería sentido. A crise estámola pasando todos. Hai cousas que non se poden deixar de facer e a extensión da banda longa é unha delas. A Xunta ten que cumprir a súa obrigación”. Pola súa banda, o Alcalde sinalou que “hoxe chegou Internet a todas as parroquias. Temos dúas empresas dando este servizo a todo o municipio, sobre todo, á zona rural onde tiñamos deficiencias. Grazas á Deputación por axudar a adaptarnos á nova forma de traballar”.
Ó longo das vindeiras semanas a Deputación porá en marcha a Administración Electrónica nos restantes 40 Concellos incluídos no programa Innova-TE. Do mesmo xeito, activará de forma progresiva o resto de procedementos administrativos ata chegar ós 80 previstos coas entidades locais no programa da Deputación.
Para activar a e-Administración, os concellos tiveron que dotarse previamente de sede electrónica, aprobando a correspondente ordenanza –que lles facilitou a Deputación-, co obxectivo de dar validez legal ós trámites que os cidadáns poden realizar por vía telemática. Os procedementos a través da Rede son totalmente seguros e a información do organismo provincial e dos municipios está aloxada no Centro de Procesamento de Datos, construído na planta baixa da Deputación e controlado informaticamente 24 horas para evitar ataques informáticos. O programa Innova-TE, dotado con 9 millóns de euros e financiado nun 70% por fondos europeos e nun 30% polo INLUDES, supón un importante aforro para os municipios, pois se tiveran que asumir con fondos propios a implantación da e-Administración, obrigada por Lei, o gasto non sería nunca inferior ós 300.000 euros.
Webs modernas e máis accesibles
Ademais de poñer a disposición dos veciños a posibilidade de facer trámites vía Internet, o programa Innova-TE permite ós Concellos adheridos renovar a súa páxina web, mellorando a súa accesibilidade e facendo que a navegación resulte máis sinxela e intuitiva para o usuario. Dentro deste primeiro grupo de 11 municipios nos que entrou en funcionamento a e-Administración, 7 deles estrearon hoxe tamén portal: Chantada, A Pastoriza, Becerreá, Burela, A Pobra do Brollón, Portomarín e Sober.
En total foron 34 as entidades locais que solicitaron esta opción. Deste xeito, aparte dos 7 presentados hoxe, o equipo de Innova-TE renovará o deseño das web doutros 27 concellos, dos que 19 están ultimados e activaranse en breve.
Equipos informáticos para os avanzados
O Presidente da Deputación anunciou no acto celebrado en Chantada que os alcaldes das 51 localidades que se sumaron ó Innova-TE están recibindo estes días unha carta na que se lles informa polo miúdo de todos os pasos dados no marco deste programa tecnolóxico e as actuacións que restan ata a súa conclusión en xuño, data para que está prevista a total implantación da Administración Electrónica na provincia. Neste senso, o próximo paso do goberno provincial será a entrega de equipos informáticos ós municipios que están demostrando unha maior implicación no desenvolvemento da iniciativa. O reparto comezará no mes de marzo.
Máis trámites on line coa Deputación
Gómez Besteiro tamén deu a coñecer máis novidades en relación á cantidade de procedementos administrativos on line que será posible facer co organismo provincial. Deste xeito, aínda que nun principio estaban previstos 40, finalmente activaranse 68, o cal eleva a 147 o número total de trámites que se poderán realizar, entre os da Deputación e os Concellos.