Nota de prensa
OS LARANXAS BUSCARÁN OS TRES PUNTOS ANTE UN COMPROMETIDO JAÉN
O Burela FS poñerá rumbo esta noite a terras andaluzas na busca dos tres puntos da vixésimo segunda xornada de Prata. O sábado, a partir das 17.30 horas, os laranxas mediranse ao Fuconsa Jaén FS, comprometido polos postos de descenso.
O municipal de La Salobreja acollerá unha cita de extremos. Fronte á zona de play off dos mariñáns, os xienenses non conseguen fuxir do perigo de Primeira Nacional A; ocupan a décimo sexta posición, empatados a 14 puntos co antepenúltimo e penúltimo, Extremadura Cáceres 2016 e Restaurante Frontera Tobarra, e xa gozaron da xornada de descanso. Os mellores resultados do Fuconsa obtéñenos na casa, aínda que con rivais da metade baixa da táboa; dos 10 encontros disputados ata agora, fixéronse con 3 vitorias (Melilla 2-1, Tobarra 3-2 e Cáceres 9-3) e 1 empate (Albacete 3-3).
O vestiario mariñán afronta unha cita complicada. Xunto ás ausencias de Juanma e Adri Gaona, serán dúbida Manuel, por un golpe ante o Puerto Celeiro na Liga Nacional Xuvenil, e Víctor Cachón, cunha contractura de isquiotibiais. Entrarán na convocatoria os xuvenís Boris Baltar e Carlos Valle.
Os pupilos de Suso Rey deberán sobrepoñerse ante as baixas e non deixar escapar unha vitoria que lles pode alixeirar a presión da súa actual quinta praza (35 puntos). Esta xornada depara un combate entre as forzas da zona alta co duelo entre sexto e sétimo, ElPozo Murcia (35) e Arcebansa Zamora (34), que asfixian os laranxas, e oitavo e segundo, BP Andorra (33) e OPDE Ribera Navarra (43).