Nota de prensa
Empresarios de hostalería, adegueiros e artesáns benefícianse esta semana das rutas de Km0
– Máis de 300 persoas farán unha parada en establecementos destes sectores económicos grazas á iniciativa do organismo provincial
– Lara Méndez recibe a integrantes da Asociación de Amas de Casa Virxe do Carmen de Foz e do colectivo sociocultural do Cairón, en Monterroso, quenes viaxan hoxe a Portomarín e Ribadeo, respectivamente
A Deputación continúa a impulsar a economía provincial co programa Km0; unha iniciativa a través da que se manteñen uns 3.000 postos de traballo directos e indirectos en distintos sectores. Precisamente, as rutas desta semana benefician a empresarios de hostalería, produtores de viño e artesáns, de tal xeito que os máis de 300 participantes na iniciativa do organismo provincial farán unha parada en distintos establecementos destes sectores económicos, pertencentes a seis Concellos.
A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, recibiu este martes a un grupo da Asociación de Amas de Casa Virxe do Carmen de Foz e a outro da Asociación Sociocultural do Cairón (Monterroso). No primeiro caso, visitaron Portomarín e, no segundo, o municipio de Ribadeo. Os veciños do Concello da Mariña iniciaron o percorrido cunha visita ó Mazo de Santa Comba. A xornada continuou cunha comida en “A Pousada” de Portomarín. Logo de achegarse á igrexa románica de San Pedro, deron un paseo polo Camiño de Santiago ata o Clube Náutico e polo conxunto histórico de San Xoán. Por último, visitaron a “Panadería Piña”, onde tiveron a oportunidade de mercar os doces típicos da zona. Polo que se refire ó grupo de Monterroso, formado tamén por 55 persoas, estiveron en Avifauna e no Centro de Cultivos Mariños ribadense. Tras unha comida no restaurante “O Cabazo”, fixeron unha travesía marítima pola ría de Ribadeo e subiron no ascensor panorámico, instalado no peirao deportivo. Tamén visitaron o casco histórico e o convento das Clarisas.
O mércores, 48 membros da Asociación Abrindo Camiño de Mondoñedo redescubrirán a Ribeira Sacra cunha ruta que inclúe unha visita ó Centro de Interpretación Terras do Miño, ademais dun percorrido de 4 quilómetros da ruta de sendeirismo Pena do Castelo que vai ata o embarcadoiro de Doade, en Sober. Completarán a ruta cunha visita á adega “Regina Viarium” e á Olería de Gundivós. Os mindonienses comerán no Parador de Turismo de Monforte. Ese mesmo día, 48 usuarios da Fundación Eu Son de Burela desprazaranse a Piornedo, logo de visitar o CENTRAD. Na aldea da Montaña Luguesa celebrarán unha comida no “Hostal Piornedo” e visitarán varias pallozas e a igrexa de Donís.
O programa de rutas desta semana conclúe o xoves con dous percorridos por Guitiriz e Negueira de Muñiz, solicitados pola Asociación de Pais e Nais (Anpa) do colexio A Gándara de Monforte de Lemos e polo colectivo O Forno da Vella, de Espasande, en Castroverde, respectivamente. O grupo de Monforte, de 48 persoas, coñecerá o Centro de Interpretación Terras do Miño para viaxar xa despois ó Concello guitiricense, onde comerá no Balneario. Tras percorrer estas instalacións, coñecerá o reloxio de sol analemático e a Ruta dos Muíños, e fará unha visita á panadería La Esquina. Pola súa banda, o colectivo de Castroverde, do que participan 48 membros, coñecerá olería de Bonxe e visitará a área recreativa de Negueira e o Museo Comarcal da Fonsagrada. A comida será no restaurante fonsagradino “Cantábrico”.