Nota de prensa
O BURELA FS ESTREA 2011 NA BOMBONEIRA FRONTE AO UMA ANTEQUERA (17.00 HORAS)
Nunha xornada festiva para o fútbol sala, o Burela FS estrea este sábado o ano na bomboneira fronte ao UMA Antequera, décimo terceiro clasificado de Prata. O encontro, programado para as 17.00 horas, contará cun espectador de excepción entre a afección burelista, o seleccionador nacional, José Venancio López, mestre de cerimonias do I Encontro do Deporte Base na Mariña organizado pola entidade laranxa.
Na vixésimo primeira xornada, os pupilos de Suso Rey farán fronte en Vista Alegre a un rival de contrastes, que perde fol lonxe da súa pista. A coraxe malagueña da que xa foron vítimas os mariñáns na primeira volta (6-4) esvaece co rol de visitante; de nove partidos fóra de Antequera, foi capaz de facerse con algún punto en catro ocasións, coa vitoria en Eivissa (4-5) e os empates do Albacete 2010 (3-3), Restaurante Frontera Tobarra (4-4) e Extremadura Cáceres 2016 (5-5). Aínda así, o cadro mariñán debe ser cauto, posto que os andaluces veñen de demostrar a súa temperanza ante un dos conxuntos máis firmes da categoría, o OPDE Ribera Navarra (segundo clasificado), co empate 6-6 da semana pasada.
O obxectivo do Burela FS para esta cita céntrase na defensa da súa actual quinta praza (34 puntos), posta en perigo polo ElPozo Murcia, que empatado a puntos cos laranxas visita a cancha do décimo cuarto, Space Gasifred; e o Arcebansa Zamora, que recibe o penúltimo, Tobarra, dende a oitava praza (31). O sétimo, BP Andorra (33), descansará esta semana.
Juanma, cun desgarro muscular no xeonllo, poderá volver ás pistas nun mes se a recuperación evoluciona segundo o previsto. Á ausencia do capitán, súmase a de Adri Gaona; o gaditano estará afastado algunhas semanas da Mariña tras o permiso concedido polo club para viaxar á súa terra por motivos de índole persoal.
Carnés 2011. Recordámoslles aos socios/as do CD Burela FS que só poderán acceder ao encontro laranxa cos carnés de 2011, dispoñibles xa nas oficinas do club (avenida Arcadio Pardiñas, número 97, entresollado), con horario de atención entre as 10.00-14.00 e as 16.00-20.00 horas, de luns a venres.