Nota de prensa
O GPPP propón que Deputación e Xunta se coordinen para arranxar canto antes os danos causados pola riada
Lugo, a 14 de xaneiro de 2011.- O Grupo provincial do Partido Popular levará ó vindeiro pleno da corporación provincial unha moción pola que insta á Deputación a que participe nun mecanismo de coordinación coa Xunta de Galicia para cofinanciar as axudas necesarias para facer fronte ós danos causados polas riadas.
Os populares indican na súa proposta que os asolagamentos rexistrados a comenzos deste ano provocaron cuantiosos danos materiais na provincia de Lugo, afectando na súa maior parte á rede de estradas que son competencia e responsabilidade da Deputación.
Salientan dende o GPPP que é obriga das administracións públicas afrontar os custes económicos derivados da reparación das numerosas infraestructuras danadas. É, precisamente polas dimensións dos estragos e o importante montante económico que haberá que adicar a súa restauración, os populares entenden que é necesario que tódalas administracións públicas colaboren e se coordinen para conseguir unha actuación que resulte o máis eficaz posible para acadar este obxectivo.