http://www.deputacionlugo.org/
Nota de prensa
Doce trámites on line e un novo portal-web arrancan a e-administración na Deputación
– Ofrece cinco novos portais temáticos que non existían ata o momento: Cooperación cos Concellos, INLUDES, Centro de Artesanía e Deseño, Granxa Gayoso Castro e In Lugo
-O Presidente informou por escrito ós traballadores que o 50% do cobro da súa produtividade no 2011 estará condicionada á implicación na administración electrónica
– Todos os contidos están estruturados de forma homoxénea, máis visuais e totalmente accesibles para persoas con discapacidade sensorial, dacordo coa lexislación vixente
– A páxina actual rexistrou nos últimos dous anos 400.000 visitas de 96 países diferentes e os contidos máis consultados son Ofertas de emprego, Perfil do contratante e Novas
O Presidente José Ramón Gómez Besteiro presentou este luns o arranque oficial da administración electrónica na Deputación de Lugo coa posta en marcha do novo portal-web da institución que permite realizar inicialmente 12 procedementos a través de Internet. Nas vindeiras semanas irán activándose progresivamente novos trámites ata chegar ós 120 que inclúe o Innova-TE, o programa tecnolóxico máis ambicioso en Galicia por prazo e investimento: 9 millóns de euros co-financiados pola UE para implantar a administración electrónica antes de xullo. Besteiro subliñou que “damos un salto cualitativo e cuantitativo na relación dos lucenses coa administración: abrimos 24 horas”. Lugo deixa de ser das últimas provincias en materia de novas tecnoloxías e pasa a situarse entre as máis punteiras, pero de novo “é fundamental que a Xunta estenda a banda longa, senón os veciños non poderán acceder a internet nin, polo tanto, facer trámites desde a súa casa”.
Ademais do inicio do Boletín Electrónico que en Galicia só teñen as Deputacións da Coruña e agora a de Lugo, os cidadáns poderán realizar 11 procedementos máis: consulta no Rexistro de entrada sobre calquer asunto, e no Rexistro de saída, subsanación e mellora de solicitudes presentadas na Deputación, tramitación de subvencións de concorrencia competitiva que convoque a Deputación dende áreas como Cultura e Deportes; axudas excepcionais e tamén nominativas de carácter cultural e deportivo; solicitudes de bolsas.
5 novos portais temáticos
Como portal interactivo, a web emprega as últimas tecnoloxías ó tempo que integra outras avaladas con solvencia polo Ministerio de Presidencia. Dispón de cinco novos portais temáticos que non existían ata o momento: Cooperación cos Concellos, INLUDES, Centro de Artesanía e Deseño, Granxa Gayoso Castro e In Lugo (o centro de innovación social). Todos os contidos están estruturados de forma homoxénea e visual, respondendo ós requirimentos de accesibilidade para persoas con discapacidade sensorial, dacordo coa Lei 11/2007, de 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns ós servizos públicos. En cada portal o usuario atopará catro áreas principais de información, nas que se estruturan os diferentes contidos. Ó mesmo tempo, os portais incorporan accesos directos ós servizos máis demandados pola poboación: Ofertas de Emprego, Perfil do contratante, Consultas cidadás e Novas. Precisamente, dentro de Novas, existe un apartado de onde se poderán descargar os vídeos e sons de audios sobre as informacións da Deputación.
O próximo reto do Innova-TE serán as presentacións dos novos portais dos Concellos da provincia. Moitos deles tomaron como referencia o modelo da Deputación, outros están melloraron as súas webs actuais, adaptando as solucións informáticas que lles ofrece gratuitamente a Deputación para a e-administración.
Produtividade condicionada ó Innova-TE
O Innova-TE fai posible que sexan os propios traballadores da Deputación e organismos dependentes os que revisen, editen e actualicen os contidos correspondentes á súa área de competencia. Deste xeito, o sistema gaña en pluralidade e transparencia. Neste senso, o Presidente xa enviou unha carta a todos os traballadores da Deputación na que lles adianta que a asignación do complemento de produtividade no 20011 estará condicionada á súa implicación na administración electrónica, de xeito que o 50% deste complemento distribuirase en función do esforzo realizado. Con esta implicación dos traballadores e, ó desaparecer o papel, os cidadáns gañarán en rapidez e aforrarán custes.
Como paso previo ó arranque oficial da e-administración, a Deputación constituise como sede electrónica, aprobando a ordenanza xurídica que dá validez legal ós trámites vía Internet. Os procedementos a través da rede son totalmente seguros e a información estará aloxada no Centro de Procesamento de Datos construído na planta baixa da Deputación. O sistema que centraliza a información da institución e dos municipios está controlado informaticamente cada segundo, evitando ataques informáticos os 365 días do ano.
Usuarios web actuais
Nos últimos dous anos rexistráronse 400.000 visitas de 96 países diferentes no portal provincial. Ten unha media de 8.000 usuarios ó mes que realizan unhas 17.000 visitas e descargan unhas 70.000 páxinas. O 98,88% dos usuarios procede de España e, por comunidades, o 41,38% da nosa provincia. Séguenlle os usuarios de Madrid, Coruña, Santiago, Salamanca, Vigo, Ourense, Pontevedra e Barcelona. O seguemento tamén é internacional, de tal xeito que os usuarios que máis visitan a web proceden de Estados Unidos, Holanda e Arxentina. No que se refire ó emprego, os apartados máis consultados foron o listado do Pacto Provincial polo Emprego con máis de 2.000 visitas e a convocatorias das bolsas de Lug02 con máis de 1.000.