O CONCELLO ENTREGA PRETO DE 10.000 EUROS EN AXUDAS A CATRO ENTIDADES VECIÑAIS DO MUNICIPIO
* As axudas están artelladas mediante senllos convenios de colaboración e teñen por obxecto aportar fondos municipais a estes colectivos para contribuír nas obras de mellora en infraestruturas promovidas por eles
Cervo, 31 de decembro de 2010.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, fixo hoxe entrega de axudas municipais por unha contía total de 9.922,80 euros a catro colectivos do concello. Estas subvencións artéllanse a través de convenios individuais subscritos con cada unha das asociacións beneficiarias e teñen por obxecto contribuír con fondos municipais a distintas actuacións levadas a cabo por estes colectivos ao longo do presente ano 2010.
ENTIDADE | OBXECTO | CONTÍA (€) | |
Asoc. Club Náutico Amigos del Mar | Equipamento local social | 4.000,00 € | |
Asoc. Veciños Cervo-Sargadelos | Realización de baños e equipamento local social | 1.250,00 € | |
CIT San Ciprián | Substitución mesetas e fiestras local social | 723,09 € | |
Asoc. Veciños Rúa | Pavimentación pistas en O Pereiro e na Ponte Vella | 3.949,71 € | |
TOTAL: | 9.922,80 € |
Alfonso Villares salientou a importancia deste tipo de colaboración entre entidades veciñais e administracións “porque gracias a elas estes colectivos poden continuar coa súa importante labor en prol da mellora de servizos de interese veciñal”.
Compromiso materializado
O alcalde lembrou que a entrega destas axudas é a materialización dun compromiso anunciado no primeiro trimestre deste ano polo Goberno local consistente na colaboración do 25% do custe das obras solicitadas polas asociacións e colectivos do concello á Deputación de Lugo ao amparo do Plan Provincial de Cooperación con entidades veciñais. “Xa daquela quixemos asegurarlles de antemán que dende os orzamentos municipais ían poder contar co 25% do investimento necesario para levar adiante as obras que solicitaron diante doutras administracións; e poder deste xeito mitigar dentro da medida das nosas posibilidades a incerteza destas entidades que daquela aínda non sabían se ían poder contar coa axuda necesaria para poder levar materializar os seus proxectos”.
“O que pretendemos, en definitiva, é aportar un pouco de seguridade nestes tempos de crise e de incerteza económica aos colectivos que traballan e aportan ideas en favor do conxunto dos seus pobos e aldeas e esperamos continuar nesta liña de colaboración mutua que é moi fructífera para o conxunto dos veciños do nosos muncipio” recalcou o rexedor cervense.