Nota de prensa
16.225 xubilados mariñaos viven con menos de 600 euros ao mes.
23.916 mulleres da Mariña cobra uns 3.200 euros anuais menos de media que os homes da Comarca.
4.215 inmigrantes asentados na Mariña cobran practicamente 8000 euros menos anuais que un cidadán de nacionalidade española.
O BNG denuncia que os asalariados da Comarca perderon un 8% do poder adquisitivo entre 2000 e 2008.
O Bloque Nacionalista Galego denunciou hoxe que a Comarca da Mariña enfrontase a un auténtico drama social no sentido de que a crise económica a maiores de expulsar do mercado de traballo a máis de 4000 traballadores está a provocar unha diminución do poder adquisitivo da poboación asalariada e tamén dos pensionistas.
Neste sentido segundo explicou Antonio Veiga “ a día de hoxe, tal como informan os dados do IGE, a poboación xubilada nas tres Mariñas é de 18.843 persoas, sobre un total de 76.603 persoas, o 86% dos cales teñen unha pensión inferior aos 600 Euros. A pesar de que a pensión media de Lugo situase nos 582,82 Euros, a nosa provincia está a cola do Estado, un 47% dos pensionistas da Mariña están por baixo dos 546 euros mensuais, isto é por debaixo da pensión mínima de xubilación”. Na mesma liña o Portavoz nacionalista criticou que “as medidas económicas que está a levar adiante o goberno do Estado van ter consecuencias terroríficas para a Comarca, posto que hai 18.843 persoas a quen o pasado ano e este ano conxeláronselle as pensións, o que significa unha perda de poder adquisitivo, cando no lado de enfronte atopámonos coa suba de toda a fiscalidade indirecta como IVE que grava os produtos básicos ou recentemente das tarifas eléctricas. En definitiva está a aumentar a carestía da vida pero os seus ingresos están conxelados”.
O Responsábel Comarcal do BNG tamén quixo destacar que que son precisamente os menores de 35 anos e os maiores de 65 os que menos diñeiro ingresan, sendo o período entre os 56 e os 65 anos cando os salarios son máis elevados, polo que aumentar a base de calculo da xubilación aos 20 ou 25 anos como pretende o PP e PSOE coa reforma do réxime das pensións significaría unha diminución nas futuras pensións entre o 8 e o 14%. No mesmo sentido, veiga referiuse aos 6.796 traballadores por conta propia da Comarca , dos 49.073 que conforman a poboación activa total, isto é os 2384 que cotizan no réxime agrario e os 4142 que cotizan como autónomos a quen “O Goberno do Estado lle reformou pola vía da Lei do Acompañamento dos Orzamentos o seu réxime de pensións fixando en 20 anos a base de calculo para determinar a contía final da súa xubilación o que vai significar unha redución moi importante naquelas pensións que a día de hoxe xa se sitúan a cola”.
Os nacionalistas tamén denunciaron a perda de poder adquisitivo da poboación activa da Mariña que se sitúa nas 49.073 persoas, dándose o caso que en 2008,segundo dados da Axencia Tributaria, por primeira vez as rendas do capital superaron as rendas do traballo até o punto de que no período 2000/2008 os salarios descenderon nun 3% en relación cos beneficios empresariais o que se traduce na Comarca nunha perda de poder adquisitivo por parte dos asalariados nun 8% que sen ningún tipo de dúbida se agudizou en 2009 e 2010 se ben carecemos de datos. Veiga criticou que “como ben indica a Axencia Tributaria o 71% da poboación activa ocupada da Mariña ten un salario inferior á media galega que é de 18.827 Euros. Neste sentido hai que ter en conta a discriminación que se dá no mercado de traballo entre homes e mulleres, de feito ás 23.916 mulleres da Mariña en idade de traballar cobra uns 3.200 euros anuais menos de media que os homes. Outro tanto acontece cos inmigrantes cuxa diferencia salarial cun cidadán do Estado en Galiza é practicamente de 8.000 Euros anuais, situación que afecta a 4125 persoas na Comarca”.
O Portavoz do BNG indicou, por último, “que se está a utilizar a crise como coartada para aumentar as desigualdades sociais e para avanzar no proceso de concentración de capitais até o punto de que a día de hoxe o 30% do PIB de Galiza está en mans do 1% da poboación . Mesmamente as bases da negociación colectiva para este ano que fixou o goberno así como a regulamentación que se lle vai dar a reforma laboral ven provocar un descenso na capacidade de compra dos traballadores. A conxelación e mesmo a redución salarial está a orde do día no mercado de traballo da Mariña até punto de a destrución de emprego é inferior naqueles empregos de menor salario ”.