Nota de prensa
A normativa deixaría fora de ordenación as vivendas de máis de 3.000 veciños así como as naves do Parque Empresarial.
O BNG de Foz advirte que a Xunta pretende aprobar o POL definitivamente clasificando como rústico todo o solo fora da vila
Foz, 28 de decembro de 2010.- O Bloque Nacionalista Galego denunciou que a Xunta de Galiza teña previsto aprobar antes de final de ano de xeito definitivo o Plano de Ordenación de Litoral sen dar resposta as alegacións presentadas polo Concello de Foz no que ten a ver coa clasificación como solo rústico das bolsas de solo de núcleo rural recollidas como tal no planeamento. O Planeamento que recolle o POL só fixa como urbano, a parte da Vila que ten esa consideración nas NSP do 81, clasificando como urbanizábel parte de Vilaronte, Fazouro e Cangas, a máis das dúas bolsas de urbanizábel que existen na Vila e clasifica como solo rústico o resto de solo do Concello. Dáse así o caso de que non aparece delimitado en todo o Concello nin unha soa bolsa de solo de núcleo rural até o punto de que as áreas de solo que tiña esa clasificación urbanística nos lugares de Cangas, Nois, Fazouro, Cordido, Vilaronte e San Martiño de Mondoñedo, segundo a cartografía do planeamento que se recolle no POL aparecen clasificadas como solo rústico de protección ordinaria.
Neste sentido, segundo afirmou Basanta, “débese reparar que nestes bolsas de solo de núcleo rural que segundo a cartografía utilizada pola Consellaría para elaborar o POL dáselles a consideración de solo rústico de protección ordinaria residen máis de 3.000 persoas, sendo boa parte das vivendas construídas nos últimos 20 anos, e tomando o Concello como criterio para outorgar a preceptiva licencia urbanística a consideración destes solos, como solos de núcleo rural. Xa que logo non se comprende como na cartografía manexada pola Xunta de Galiza para elaborar o POL non existe en todo o Concello de Foz unha soa bolsa de solo de núcleo rural, cando nestes últimos 20 anos existe esta clasificación urbanística no planeamento municipal”.
O portavoz Municipal do BNG recordou que “a mesma contradición entre o planeamento vixente e o utilizado pola administración autonómica para elaborar o Pol atopábanola nos caso dalgúns solos urbanizábeis do Concello. Así aparecen pintadas tres bolsas de solo urbanizábel en Cangas, Vilaronte e Fazouro que non existen no planeamento desde a modificación puntual do 90, tendo desde aquela eses solos a consideración de núcleo rural; outro caso semellante acontece cos predios nos que se sitúa o Parque Empresarial de Foz, cun Plan Parcial aprobado definitivamente desde 2003, co seu proceso de urbanización rematado e executado e ocupado case na súa totalidade por naves empresariais tanto na parte desenvolvida por Xestur como na parte desenvolvida pola iniciativa privada e que aparece clasificado como urbanizábel non delimitado; mesmamente clasificase como urbanizábel non delimitado dous urbanizabeis existentes na Vila que nas NSP de 1981 teñen a consideración de de urbanizábel delimitado e que no PXOM actualmente en fase de aprobación inicial nalgún caso é considerado como urbano consolidado”.
Xan Carlos G. Basanta insistiu por último no “grave prexuízo que se crea no caso do concello de Foz por utilizar a administración autonómica un planeamento que non se corresponde co vixente no Concello. Aínda así, repárese que só as áreas de solo urbano e de núcleo rural fican excluídas das determinación do POL ,ao carecer Foz segundo a cartografía usada pola Xunta de solo de núcleo rural a totalidade das parroquias do Concello, agás a vila, vense afectadas polo mesmo. Neste estado de cousas atopamos caso de como corredores de rios, deixan fora de ordenación vivendas na totalidade das parroquias litorais do Concello, ou como en entidades de poboación que teñen a consideración de Núcleo de Identidade Litoral non se permite ningún uso residencial. Máis grave aínda sería, a situación que se crea con todas aquelas edificacións existentes fora da capitalidade municipal,a única entidade onde a Xunta recoñece solo urbano, posto que se atendemos ao planeamento que a Xunta recolle no POL fican fora de ordenación”.
Os nacionalistas criticaron tamén que o Partido Popular que afirmou que se marcaba como prioridade a elaboración dun novo PXOM para Foz “non abra agora a boca, cando o POL condiciona a elaboración de calquera instrumento de planeamento, e de xeito moi particular o PXOM, polo que sería bo que nos explicase para que quere ese novo Plan ou si simplemente queren un novo Plan para modificar a clasificación urbanística dalgúns solos que existen no noso Concello ou para resolver os entortos que xerou Rivera coa súa discrecionalidade a hora de dar licencias”