Nota de prensa:
O BURELA FS FEMININO PREPÁRASE PARA RECIBIR 2011 EN PLENA FORMA
Sen descanso nestas datas, o Burela FSF Pescados Rubén despedirá 2010 adestrando para recibir o ano novo en plena forma e volver á competición de Honra cunha boa adaptación das incorporacións máis recentes.
Xunto aos adestramentos técnico-tácticos no pavillón, as sesións de fisioterapia e a análise dos rivais mediante o visionado de partidos, Javier Pardeiro tamén prepara as súas xogadoras psicoloxicamente con vídeos motivacionais, método co que o conxunto burelista leva traballando dende a primavera, coincidindo coa Copa de España.
Con esta primeira montaxe, o técnico soubo transmitirlle ao seu vestiario a serenidade necesaria para encarar a cita máis importante na historia do Burela FSF Pescados Rubén. Pardeiro empregou imaxes do meteórico ascenso de Prata e do debut en Honra para facerlles ver ás xogadoras laranxas o seu potencial, afastalas do nerviosismo e fortalecelas contra as adversidades. Facendo referencia a grandes momentos na historia do deporte, como a fatídica lesión do ex-atleta Derek Redmond nas olimpíadas de Barcelona 1992 ou os triunfos e o esforzo do tenista Nadal, o cadro burelista tomou conciencia de ser o único dono do seu futuro e da forza de formar un grupo sólido.
Ribadeo FSF. En virtude do convenio que une o CD Burela FS e o Panificadora del Eo-Ribadeo, as pupilas de Javier Pardeiro realizarán mañá un adestramento co cadro de Martínez, novel en Autonómica; será no pavillón municipal da beira do Eo, a partir das 20.30 horas.