Nota de prensa:
RAQUEL ARIAS VISITA O OBRADOIRO DE EMPREGO DE XOVE E APLAUDE A SÚA CONTRIBUCIÓN “NA CONSTRUCIÓN E MELLORA DE DOTACIÓNS DE USO COMUNITARIO”
* O proxecto, que formou a 26 traballadores desempregados grazas a unha subvención da Xunta de máis de 551.000 euros, foi clausurado hoxe pola delegada territorial
Xove, 23 de decembro de 2010.- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, aproveitou hoxe a visita ás obras executadas polos 26 alumnos traballadores do obradoiro de emprego Recunchos de Xove para subliñar “a valiosa contribución que realizan os obradoiros en materia de dotacións de uso comunitario”.
Arias explicou que estes programas mixtos de formación e emprego cumpren “a dobre función de proporcionar novas habilidades profesionais aos participantes e colaborar con importantes obras e servizos ao progreso da comunidade na que se desenvolven”. No caso concreto de Xove, a Consellería de Traballo e Benestar investiu 551.397,60 euros neste proxecto formativo, orientado ás especialidades de albanelería e xardinaría.
A delegada visitou as obras acompañada polo alcalde da localidade Demetrio Salgueiro, e o xefe territorial de Traballo e Benestar, Antonio Dacal, que participaron tamén na entrega de diplomas aos alumnos e alumnas do obradoiro.
Os integrantes do módulo de albanelería encargáronse do acondicionamento interior dunha nave destinada ao persoal do concello que albergará oficinas e vestiarios. Igualmente, pintaron e adecuaron diversos locais para uso social dos veciños e veciñas nas parroquias de Vilachá, Sumoas e Penas Agudas.
Os traballadores e traballadoras do módulo de xardinaría habilitaron unha área recreativa en Ponte do Carro, na parroquia da Rigueira, e realizaron uns xardíns de nova construción partindo dun terreo de eucaliptos na urbanización O Palmeiro.
Arias recoñeceu o importante grao de inserción laboral que presentan oficios tradicionais como os elixidos polo obradoiro de Xove. “Seguen a exhibir boas perspectivas de traballo incluso no actual contexto de crise –sinalou-, xunto con outras disciplinas en auxe como a asistencia no fogar ou as relacionadas coas novas tecnoloxías”.
A delegada lembrou que ao longo deste ano a Consellería de Traballo e Benestar subvencionou na provincia de Lugo 37 programas mixtos de formación e emprego, incluíndo os oito obradoiros de emprego e a escola obradoiro que darán comezo neste mesmo mes de decembro.
O investimento global destas iniciativas supera os 18,7 millóns de euros, beneficiando a 788 alumnos traballadores e dando tamén emprego a outras máis de 40 persoas, entre monitores e persoal de dirección e administrativo.