Nota de prensa:
O VINDEIRO LUNS 27 DE DECEMBRO ÁBRESE O PRAZO DE INSCRICIÓN NO TALLER DE XIMNASIA PREVENTIVA QUE ORGANIZA A DELEGACIÓN DE BENESTAR SOCIAL DE BURELA PARA OS MAIORES DE 60 ANOS.
Burela, 21 de decembro de 2010. As persoas maiores de 60 anos que queiran continuar no 2011 asistindo ao taller de ximnasia preventiva que organiza a Delegación de Benestar Social e os que queiran facelo por primeira vez poderán anotarse desde o vindeiro luns 27 de decembro e ata o 7 de xaneiro nas oficinas dos servizos sociais no Concello de Burela. Así o anunciaba hoxe a responsable do departamento, Neves Cando.
A edil nacionalista contou que “a semana pasada concluiu a tempada 2010 do taller de ximnasia preventiva e do servizo de fisioterapia para dependentes que desde a Delegación de Benestar Social puxemos en marcha aló polo mes de febreiro. Estas dúas actividades tiñan como obxectivo, por un lado ofrecer un servizo de fisioterapia individualizado para os casos máis necesarios entre os nosos dependentes e que ao longo do ano serviu para atender a 6 deles. E por outro lado, o taller de ximnasia preventida ía encamiñado aos maiores de 60 anos e pretendía a mellora da súa calidade de via e a preparación do corpo para as alteracións que a idade provoca nel”. Neves Canso sinalou que “arredor de 70 persoas participaron ao longo deste 2010 no taller que se desenvolvou durante dúas horas á semana para cada grupo e durante o verán saiu ao aire libre, algunhas das sesións leváronse adiante nos parques biosaudables do noso concello, en camiñatas no paseo marítimo e disfrutando da ximnasia na praza da Mariña”.
A concelleira de Benestar Social dixo que “agora collemos unhas pequenas vacacións no nadal para disfrutar destas festas e da familia e anunciamos que estas dúas actividades voltarán no mes de xaneiro. No caso da fisioterapia desde os servizos sociais do Concello, e a partires do informe da fisioterapeuta que estivo a atender a estas persoas, farase unha valoración sobre o grao de mellora para informar favorablemente a súa continuidade neste programa así como a posibilidade e incorporar novos casos para o 2011. E o taller de ximnasia voltará tamén en xaneiro, imos abrir un prazo de inscrición para que se anoten todas as persoas que queiran continuar asistindo ás clases e para as que queiran empezar nelas. Será do 27 de decembro ao 7 de xaneiro nas nosas oficinas dos servizos sociais na Casa do Concello. O taller de ximnasia arrincará o 12 de xaneiro”.