Nota de prensa
CHEGOU A BURELA O REY DE OLAYA, O BARCO QUE SOFRIU UN INCENDIO O PASADO SÁBADO CANDO FAENABA EN AUGAS IRLANDESAS. O CADÁVER DO MARIÑEIRO FALECIDO ESTÁ A SER TRASLADADO A LUGO, ONDE LLE PRACTICARÁN A AUTOPSIA.
Burela, 20 de decembro de 2010. Ás doce e media da mañá atracaba no porto de Burela, o Rey de Olaya, o pesqueiro con base en Luanco que sofría un incendio o sábado cando se atopaba a unhas 230 millas de Estaca de Bares.
A concelleira do Mar, Remedios López, relatou que “a maniobra de atraque foi bastante difícil porque traía o timón roto, pero ao final lograron amarralo na parte traseira da cofraría de pescadores San Juan Bautista. En principio só se permitiu a entrada no barco de tres bombeiros, lograron abriron as portas, pero como saía moito fume accederon con mangueiras e cun extractor. Despois subiron membros da Capitanía Marítima de Burela e da policía xudicial e agora ás dúas e media están procedendo a sacar o cadáver”. No incendio falecía un mariñeiro de Celeiro de 41 anos Jesús Vieira, que se atopaba na zona dos camarotes. López Villar explicou que “unha vez máis un cadáver terá que ser trasladado a Lugo para que lle practiquen a autopsia, porque aquí no Hospital da Costa non teñen medios suficientes para facelo”. A concelleira do Mar de Burela lamenta esta circunstancia.
A edil socialista engadiu que “en todo o momento estivemos presentes varios membros da Corporación de Burela e de Viveiro, éstes últimos representados polo seu alcalde, Melchor Roel, e a delegada territorial da Xunta, Raquel Arias”.
No Rey de Olaya traballaban 16 mariñeiros (8 españoles, dous peruanos, catro portuxeses, un marroquí e un indonesio). O barco acudía con frecuencia a vender as súas capturas de pescada a Burela, esta semana tiña previsto facelo de novo.