Nota de prensa
A deputada informoulle hoxe da proposición non de lei ao alcalde de Alfoz, Emilio Lousas, co que visitou a zona e comprobou o estado destas estradas
EMMA ÁLVAREZ PRESENTA UNHA INICIATIVA NO PARLAMENTO PARA AXILIZAR O ARRANXO DOS VIAIS DA DEPUTACIÓN DE LUGO CORRESPONDENTES Á CONCENTRACIÓN PARCELARIA VAL DE ALFOZ
* A parlamentaria e mailo alcalde plantexaron á Xunta a necesidade de arranxar estas estradas nunha xuntanza mantida hai uns meses co director xeral de Desenvolvemento da Consellería de Medio Rural
* A proposición non de lei insta á Xunta a tomar como prioritaria a concentración parcelaria Val de Alfoz, co fin de que os prazos legais sexan o máis curtos posible.
Santiago, 18 de decembro de 2010.- A deputada do Grupo Popular Emma Álvarez Chao ven de presentar no Parlamento galego unha iniciativa destinada a que se axilice o arranxo dos viais da Deputación Provincial de Lugo correspondentes á concentración parcelaria Val de Alfoz. A deputada informoulle hoxe da proposición non de lei ao alcalde de Alfoz, Emilio Lousas, co que visitou a zona e comprobou o estado destas estradas.
A iniciativa insta á Xunta a levar a cabo cantas medidas e acordos sexan necesarios para tal fin. Os ditos viais foron mellorados pola Consellería de Medio Rural dentro do Plan de Obras da citada concentración parcelaria.
Con ese obxectivo, a deputada popular plantexa que se aprobe o expediente de cesión e incorporación de titularidade de tramos de vías entre a Deputación Provincial de Lugo e a Consellería de Medio Rural aprobado por unanimidade polo Pleno da Deputación de Lugo o 29 de novembro pasado e se acometan as obras que se lle atribúen en relación ao mendionado acordo, co fin de que estean iniciadas no primeiro trimestre do 2011.
O dito expediente aprobouse co criterio de que por parte da Deputación se cederán os terreos correspondentes a tramos de trazado antigo que resulten substituídos na súa funcionalidade por tramos de novo trazado en variante construídos pola Consellería de Medio Rural e que entregará ao ente provincial, así como os terreos situados nas franxas laterais contiguas á vía provincial no resto dos tramos que manteñen o trazado existente.
XUNTANZA CO DIRECTOR XERAL DE DESENVOLVEMENTO
A deputada e mailo alcalde plantexaron á Xunta a necesidade de arranxar estas estradas nunha xuntanza mantida hai uns meses co director xeral de Desenvolvemento da Consellería de Medio Rural. Nesa xuntanza, puxeron de manifesto o mal estado no que se atopaban as principais vías de comunicación parcelaria.
A proposición non de lei rexistrada por Álvarez Chao insta á Xunta a tomar como prioritaria a concentración parcelaria Val de Alfoz, co fin de que os prazos legais sexan o máis curtos posible. Igualmente, solicita que os técnicos da Consellería de Medio Rural resolvan as alegacións feitas por particulares no primeiro trimestre de 2011